Os Vinte e sete debaten este venres en Granada sobre a futura ampliación da UE
Os Vinte e sete debaten este venres en Granada sobre a futura ampliación da UE
Tamén debaterán sobre o problema migratorio e a autonomía estratéxica, para non depender tanto de terceiros países en certas subministracións
Os reis recibiron os participantes na Alhambra como colofón da primeira xornada do cumio
Os patios máis emblemáticos da Alhambra foron testemuñas deste cumio que reúne en Granada 45 líderes europeos.
Os reis saudaron a todos os mandatarios e Filipe VI pronunciou un discurso apelando á diversidade e á tolerancia e a construír unha paz real en Europa.
O que non quedou á cea foi o presidente de Ucraína, que abandonou a Alhambra despois de reunirse co rei. Zelenski, cuxa visita non se confirmara por motivos de seguridade, acaparou boa parte da atención da primeira xornada do cumio. Mantivo múltiples reunións bilaterais e pediulle a Europa apoio indefinido.
Conseguiu máis apoio militar de cinco países, entre eles España. Sánchez comprometeu máis defensa aérea, artillería e sistemas antidróns. E tamén lle trasladou o apoio de España para que ingrese na Unión Europea.
Este venres continúa o cumio e o tema central será a ampliación da Unión Europea. Non se espera que da cita saian prazos, pero si avances sobre as reformas internas que terá que facer a Unión antes de acoller novos países. E tamén debaterán sobre o problema migratorio e a autonomía estratéxica de Europa, para non depender tanto de terceiros países en determinadas subministracións como a sanitaria ou a enerxética.
Despois do cumio haberá unha comparecencia conxunta de Pedro Sánchez, como anfitrión, o presidente do Consello Europeo e a presidenta da Comisión.