Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os comuneiros de Lourizán denuncian unha vertedura no monte Catadoiro

Os comuneiros de Lourizán denuncian unha vertedura no monte Catadoiro

Un feixe de mobles e electrodomésticos rotos atrancan a pista forestal

Están fartos das verteduras nos seus montes e piden solucións á Administración local

G24.gal 20/03/2023 14:01

Portas, mobles e electrodomésticos rotos atrancan desde o Nadal esta pista forestal do monte Catadoiro, en Pontevedra.

"Posiblemente fora a descarga dun camión con restos da reparación dunha vivenda, e todo o que sacaron para poñer cousas novas vertérono aquí, no camiño. A primeira vez que o vimos non se daba pasado", explica Fernando Pintos Pereira, presidente da comunidade de montes de Salcedo.

Esta non é a primeira vez que usan os seus montes como vertedoiros. Teñen denunciado ante o Seprona, a Policía Local e na canle de divulgación Savia Nova como cada pouco tempo aparecen moreas de entullos e pneumáticos. Un problema ambiental e tamén económico, xa que son os propietarios os que teñen que asumir os gastos da retirada do lixo.

"Tócanos a nós facernos cargo disto, chamar a unha empresa xestora para que o recolla, botar man do noso tempo libre para quitar o lixo e pagalo todo dos nosos fondos", comenta Iván Pérez, presidente da comunidade de montes de Lourizán.

 "É evidente que un propietario non bota unha vertedura así na súa propiedade, é absurdo pensalo, e menos se se trata dunha comunidade de montes. Vémonos desprotexidos fronte á Administración, que debería recoñecer que son verteduras que bota xente sen escrúpulos e facerse cargo deles", engade o presidente da comunidade de montes de Salcedo.

Estes comuneiros pontevedreses fan un chamamento ao civismo e recordan que existen puntos limpos que xestionan este tipo de residuos de xeito gratuíto.

"Achégaste a un contedor e deixas alí os residuos voluminosos seguindo o procedemento. Deste xeito, no medio do monte, é moito máis difícil xestionar o lixo adecuadamente", di o presidente da comunidade de montes de Lourizán.

Piden solucións á Administración local, xa que consideran que non son eles os que teñen que pagar a desfeita doutros e agardan que esta imaxe non se repita nin aquí nin en calquera outro espazo natural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade