Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os conselleiros do PP abandonan a reunión en que se debate o perdón da débeda das comunidades

Os conselleiros do PP abandonan a reunión en que se debate o perdón da débeda das comunidades

Esixiron ao Goberno que se fale de reformar o sistema de financiamento autonómico e non só de condonar a débeda

G24.gal 26/02/2025 18:19 Última actualización 26/02/2025 19:11

Os conselleiros de Facenda das comunidades gobernadas polo PP abandonaron a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira que debate a proposta do Goberno de condonar máis de 83.000 millóns de euros de débeda autonómica, á que se opoñen por considerala unha "trampa".

En declaracións aos medios tras abandonar a reunión, os conselleiros do PP, entre eles os de Madrid, Rocío Albert; Andalucía, Carolina España; e Galicia, Miguel Corgos, esixiron ao Goberno que se fale de reformar o sistema de financiamento autonómico e non só de condonar a débeda.

Ademais, reprocharon á vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, que trouxese á reunión unha orde do día que consideran imposta polos independentistas cataláns, mentres as 12 comunidades do PP e Ceuta e Melilla levan anos pedindo un novo sistema de financiamento.

Nas declaracións previas á reunión, ningún deles adiantara a intención de plantar a ministra, aínda que si falaran de "teatriño" e "engano".

Varios conselleiros, entre eles o de Cantabria, Luís Ángel Agüeros, explicaron que ao longo da mañá se debatera entre os responsables de Facenda do PP a posibilidade de levantarse da mesa.

Foi no momento en que se abordaba o punto 5 da orde do día, relativo ao imposto á banca e previo ao destinado á condonación da débeda, cando interveu Miguel Corgos, crítico tanto coa forma como co fondo, cando se levantaron todos, aproximadamente tras unha hora de reunión.

O propio Corgos explicou á saída da reunión que os conselleiros do PP decidiron retirarse cando no Consello "se empezaron a tratar temas que son impropios" deste órgano e xa foron aprobados polas Cortes, como foi a norma que grava os rendementos bancarios, mentres non se abordan, recriminou, temas urxentes como a reforma do financiamento autonómico.

A conselleira andaluza lembrou que cando Montero era conselleira de Facenda en Andalucía dicía que "a condonación ou a reestruturación non podía substituír o debate" do financiamento autonómico, ao ser unha cuestión complementaria, polo que recriminou que agora como ministra evite e mesmo "quitase o punto da orde do día" da reforma para incluír "exclusivamente as dúas cuestións que tiña pactadas e pechadas" cos independentistas.

"O que necesitamos non é un modelo de condonación, o que necesitamos é un novo sistema de financiamento autonómico", dixo no mesmo sentido a conselleira madrileña de Facenda, Rocío Albert, que engadiu: "Non imos ser cómplices, non imos branquear o acordo".

Albert explicou que as comunidades do PP, "por lealdade e por responsabilidade", si asistiron ao debate doutros puntos da orde do día como foi o referente ao déficit de 2023, pero abandonaron a sala cando se abordou o tema da débeda a partir dun modelo "pactado e pechado única e exclusivamente cos independentistas" e non co conxunto de autonomías.

A conselleira de Facenda, Economía e Administración Pública da Comunidade Valenciana, Ruth Merino, pediu, tras o plantón a Montero, que se aborde a reforma do sistema de financiamento, porque “a débeda non é o principal, ademais de que os acordos que nos trouxeron hoxe viñan xa pactados cos independentistas”.

“Branquear aquí os acordos de Sánchez cos independentistas non ten nin pés nin cabeza, é unha cuestión de dignidade. Pero ademais é que as propostas que nos trouxeron non benefician a Comunitade Valenciana, non nos permiten saír aos mercados, e eses supostos aforros que se supón que nos chegarían non os poderiamos gastar en Sanidade, Educación ou na reconstrución tras a dana”, engadiu.

A responsable estremeña, polo seu lado, referiuse ao imposto á banca queixándose que ”nolo trae cando xa se aprobou nunha lei”, co cal xa se priva ao CPFF de participar, ademais de que a taxa “vai dar máis de 300 millóns a Cataluña e 30 a Estremadura.

O conseller balear, Antoni Costa, na mesma liña, queixouse de que o Goberno trouxo "lentellas, por así dicir", ademais de que lembrou que a condonación da débeda aínda ten por diante "un camiño confuso" e, talvez, nin sequera chegue a ser aprobada no Parlamento.

As comunidades do PP rexistraron un escrito para a ministra de Facenda no que rexeitan de forma "unánime" a condonación, que tachan de decisión "arbitraria e discriminatoria", e reclaman, entre outras cuestións ata que se aborde a reforma de financiamento autonómico, a actualización das entregas a conta, que se blinde o respecto á autonomía fiscal de cada territorio e que se manteña o mecanismo do extra-FLA porque permite unha liquidez adicional para facer fronte ao déficit.

Ademais, piden ao Goberno "volver ao respecto e a lealdade institucional" entre as administracións e paralizar "calquera avance cara á independencia fiscal" que reclama Cataluña. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade