Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os conservadores de Merz poderán formar unha gran coalición en Alemaña cos socialdemócratas

Os conservadores de Merz poderán formar unha gran coalición en Alemaña cos socialdemócratas

Co cen por cento dos votos escrutados, o bloque conservador consegue un 28,6 % e os socialdemócratas (SPD) sacan un 16,4 %, o peor resultado da historia

A formación ultradereitista AfD, que liderará a oposición, advirte: "O cordón sanitario debe desaparecer"

Max Maiwald/Defodi Images/Zuma Press
G24.gal 24/02/2025 08:36

O conservador Friedrich Merz, cuxo partido Unión Cristianodemócrata (CDU) e a súa irmá bávara Unión Socialcristiá (CSU) gañaron o domingo as eleccións xerais en Alemaña, poderá finalmente gobernar nunha gran coalición cos socialdemócratas tras quedar certificado que o partido populista de esquerdas Alianza Sahra Wagenknecht (BSW) queda fóra da Cámara Baixa.

Co cen por cento das circunscricións escrutadas, o bloque conservador consegue un 28,6 % dos votos e 208 escanos nunha Cámara Baixa de 630 asentos e os socialdemócratas (SPD) sacan un 16,4 %, o seu peor resultado na historia, e 120 mandatos no Bundestag; todo iso proporciónalles unha maioría de 328 deputados en total. 

Tanto a BSW como a FDP quedan sen representación parlamentaria tras os comicios deste domingo. No caso do BSW, fundado hai pouco máis dun ano tras a escisión da esquerda, o shock é grande. Goberna desde outono pasado en coalición nos estados federados orientais de Turingia e Brandeburgo. O seu líder, Wagenknecht, xa anunciou que, de non entrar o seu partido no Bundestag, reformularía o seu futuro.

Tampouco terán representación os liberais da FDP de Christian Linder, quen se retirará da política. Os Verdes, que nas enquisas aparecían numericamente como un posible socio de coalición para a CDU, á que separan con todo grandes diferenzas cos ecoloxistas, finalmente só lograron sumar o 11,6 % de apoios.

A configuración do futuro Goberno de Alemaña

Merz deixou claro, xunto ao xefe da CSU, Markus Söder, que quería gobernar cun só socio en prol da estabilidade do Goberno nun momento interno e externo complicado, e á vista das grandes disputas públicas do tripartito encabezado durante os últimos tres anos polo chanceler en funcións, o socialdemócrata Olaf Scholz.

Este xa dixo que non formará parte do Goberno que faga Merz nin tampouco negociará a coalición. O seu desexo é permanecer como deputado na Cámara Baixa. En Alemaña, os partidos tradicionais gobernaron xuntos en catro períodos: entre 1966 e 1969, entre 2005 e 2009, entre 2013 e 2017, e entre 2018 e 2021.

Weidel, líder da ultradereitista AfD: "O cordón sanitario debe desaparecer"

A ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) será o principal partido da oposición no hemiciclo xermano tras reunir un 20,8 % dos votos e 152 escanos.

A candidata á Cancillería nos comicios do domingo, Alice Weidel, destacou este luns os bos resultados do seu partido, sobre todo no leste do país, onde gañou en case todas as circunscricións.

Weider criticou que "non se pode ignorar a millóns de electores", ao referirse aos votantes de AfD e advertiu de que o seu partido, que duplicou o seu resultado en comparación con 2021, "superará á CDU nos próximos anos" a nivel nacional. Reclama o fin do cordón sanitario tras as advertencias de Merz, que deixou claro que non cooperará con eles de ningunha maneira. "O cordón sanitario debe desaparecer", dixo a candidata de AfD durante unha comparecencia de prensa.

AfD entrou por primeira vez no Parlamento en 2017 cun 12,6 % e converteuse no primeiro partido da oposición ao formarse unha gran coalición entre conservadores e socialdemócratas. Pero agora terá moita máis forza na Cámara Baixa.

Os líderes internacionais felicitan a Merz e expresan o seu desexo de traballar con el

Líderes internacionais felicitaron o gañador das eleccións alemás, o conservador Friedrich Merz, e trasladáronlle o seu desexo de traballar con el á fronte do futuro gabinete de Berlín.

O presidente francés, Emmanuel Macron, subliñou a determinación de ambos para traballar por "unha Europa forte e soberana". París e Berlín formaron durante anos un eixo impulsor de grandes políticas europeas e Macron aludiu ao actual "período de incerteza" para asegurar que os seus dous países "estamos unidos para afrontar os grandes desafíos do mundo e do noso continente".

O presidente do Goberno español, o socialista Pedro Sánchez, congratulouse con Merz e propúxolle tamén traballar xuntos para fortalecer Europa. "Unha Europa forte require que traballemos unidos para afrontar retos comúns. Más competitividade, autonomía estratéxica e transición ecolóxica e dixital", destacou Sánchez nunha mensaxe na rede social X.

Os "tempos difíciles" tamén foron mencionados polo presidente do Consello Europeo, António Costa, quen expresou ao novo líder alemán o seu desexo de traballar "estreitamente" co novo Goberno que se instale en Berlín para conseguir unha Europa "máis forte, máis próspera e máis autónoma".

O primeiro ministro británico, o laborista Keir Starmer, tamén felicitou a Merz, a quen, segundo escribiu en X, expresou o desexo de traballar co novo goberno en Alemaña "para profundar nosa xa sólida relación, mellorar a nosa seguridade conxunta e xerar crecemento para ambos os países"

Pola súa banda, o primeiro ministro de Hungría, o ultranacionalista Viktor Orbán, felicitou este luns á candidata alemá da extrema dereita Alice Weidel e o seu partido, Alternativa para Alemaña (AfD), por dobrar os seus resultados e situarse como segunda forza. Na mensaxe o primeiro ministro húngaro non mencionou os resultados logrados polas súas antigas aliadas, CDU e CSU.

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, expresou o seu desexo de traballar co novo Goberno que se instale en Berlín para conseguir unha "paz real" en Ucraína. Para Zelenski, "Europa debe ser capaz de defenderse por si mesma, desenvolver as súas industrias" e lograr resultados que contribúan á súa unidade.

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, chamou onte á noite a Friedich Merz para felicitalo, momento en que o futuro chanceler aproveitou para convidalo ao seu país. O ministro de Exteriores de Israel, Gideon Saar, celebrou a vitoria de Merz cualificándoo como un "amigo de Israel".

Mentres, A China, quere seguir mantendo unha "cooperación exitosa" con Alemaña despois dunha asociación estratéxica de máis de 30 anos.

Diverxencias en migración e economía

O SPD está de acordo en endurecer a política migratoria, pero quéreo facer dentro das medidas xa aprobadas e sempre en coordinación cos países veciños e conforme ao dereito comunitario, mentres que Merz empuxa polas devolucións en quente e voos de deportación semanais a países como Afganistán.

Tamén diverxen nas receitas económicas, pois os socialdemócratas queren subir o salario mínimo a 15 euros a hora, reducir o IVE dos alimentos e investir en grande con bonificacións fiscais na maltreita industria, por exemplo.

Os conservadores queren relanzar a economía con baixadas de impostos para empregados e empresas e incentivos para traballar máis.

Merz foi acusado de só velar polos ricos, mentres que el denunciou que o SPD quere gastar o que non hai.

Nunha xornada electoral na que a participación ascendeu ao 82,5 %, a máis elevada desde a reunificación de Alemaña, a gran sorpresa foi A Esquerda, que logrou un 8,8 % dos votos e 64 escanos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade