O Goberno daralle a Canarias 50 millóns de euros extra para a xestión da crise migratoria
O Goberno daralle a Canarias 50 millóns de euros extra para a xestión da crise migratoria
Intensificará os contactos co PP para que a acepte a reforma da lei de Estranxeiría
Primeira reunión conxunta entre o presidente do Goberno e o de Canarias para abordar a crise migratoria nas illas. A comunidade leva meses cos recursos de acollida desbordados e asume nestes momentos a tutela duns 5.000 menores inmigrantes, un 255 por cento máis da súa capacidade.
Como primeira medida, o Goberno ofrécelle unha partida extra de 50 millóns de euros. Unha axuda, di o presidente canario, insuficiente nas circunstancias actuais.
Fernando Clavijo, presidente de Canarias, di: "É tan doado como facer unha regra de tres, se en 2022 eran 50 millóns con menos menores, en 2024 con máis menores debería ser máis, terá que ser unha proporción".
Os gobernos central e autonómico acordaron intensificar os contactos co PP para pactar a reforma da Lei de Estranxeiría. Para que as comunidades teñan que acoller obrigatoriamente a menores inmigrantes non acompañados aínda que non cheguen aos seus territorios.
Ángel Víctor Torres, ministro de Política Territorial, di: "A única solución posible é unha modificación lexislativa que ten que ser aprobada por maioría no Congreso e na que tamén é fundamental o apoio das comunidades, a maioría do PP".
A reforma da lei de Estranxeiría ten garantidos 171 apoios. No mes de xullo non superou o paso da admisión a trámite no Congreso polos votos en contra do PP, Vox e Junts.
O Partido Popular cre que esta reunión sobre migración chega tarde e pídelle a Sánchez un plan coordinado con todos os presidentes autonómicos.
"Como é posible que a finais de agosto o Goberno aínda non teña un plan?. E como é posible que se reúna só co presidente de Canarias?. Debería reunirse con todos os presidentes autonómicos", di o portavoz do PP, Borja Sémper.