Publicador de contidos
Publicador de contidos

Starmer será novo primeiro ministro británico coa contundente maioría laborista e a derrota histórica dos conservadores

Starmer será novo primeiro ministro británico coa contundente maioría laborista e a derrota histórica dos conservadores

O xa mandatario electo di que o cambio comeza agora e marca como obxectivo prioritario recuperar a confianza da cidadanía

Sunak deixará de liderar os conservadores: "Síntoo por non cumprir co que merecían"

O líder laborista británico Keir Starmer diríxese aos seus seguidores tras coñecer os resultados dos comicios (Jeff Moore vía Europa Press)
G24.gal 05/07/2024 06:20 Última actualización 05/07/2024 10:02

O Partido Laborista de Keir Starmer gañou por unha contundente maioría absoluta as eleccións xerais celebradas este xoves no Reino Unido, mentres os conservadores de Rishi Sunak sufriron a peor derrota da súa historia tras 14 anos no poder.

Con 599 de 650 escanos xa adxudicados este venres, a formación de centroesquerda suma 392, de 202 na última lexislatura, co que vai en camiño de rexistrar o seu mellor resultado desde o récord de 418 logrado en 1997 polo antigo dirixente Tony Blair.

O Partido Conservador de Rishi Sunak afúndese pola súa banda nunha crise sen precedentes, con só 103 escanos de momento, de 365 logrados nos comicios de 2019, que gañara Boris Johnson coa súa promesa de executar o Brexit.

Reuters. Reuters.

Sunak felicita a Starmer

Tras coñecer a súa reelección como deputado pola circunscrición setentrional de Richmond e Northallerton, Sunak admitiu: "O Partido Laborista gañou estas eleccións". Mentres, o seu rival Keir Starmer celebrou o triunfo e declarou: "O cambio empeza agora".

"Fixémolo!", dixo un exultante Starmer nun discurso perante os seus partidarios no que asegurou que o país ten agora "a oportunidade de recuperar o seu futuro".

Ao seu xuízo, os británicos van espertar hoxe para descubrir que finalmente se quitou "un peso dos ombreiros desta gran nación".

Pola súa banda, Sunak felicitou pola súa vitoria o líder laborista e desculpouse polos pobres resultados da súa formación.

"Hoxe, o poder cambiará de mans de maneira pacífica e ordenada, con boa vontade de todas as partes. Isto debe darnos confianza a todos na estabilidade do noso país e no seu futuro", afirmou.

O primeiro ministro recoñeceu que hai "moito do que aprender e reflexionar" perante o desastre do seu partido e asume "a responsabilidade pola perda de moitos candidatos conservadores que traballaron duro".

Con cara de circunstancias, Sunak pediu perdón e adiantou que viaxará a Londres desde a súa circunscrición no norte inglés para deixar a xefatura do Executivo, á que "deu todo", e dará máis detalles sobre os próximos pasos.

Discurso do Primeiro Ministro británico e líder do Partido Conservador, Rishi Sunak, en Northallerton, North Yorkshire, a circunscrición pola que mantén o seu escano (Temilade Adelaja vía Europa Press). Discurso do Primeiro Ministro británico e líder do Partido Conservador, Rishi Sunak, en Northallerton, North Yorkshire, a circunscrición pola que mantén o seu escano (Temilade Adelaja vía Europa Press).

Avance populista e retroceso independentista

A caída dos tories débese en parte ao inédito avance da formación populista de dereitas Reform UK do antigo eurodeputado eurófobo Nigel Farage, quen persoalmente gañou un escano na Cámara dos Comúns (baixa) despois de sete intentos; e prevese que a formación alcance ata 13.

O Partido Liberal Demócrata de Ed Davey, que protagonizou unha colorida campaña electoral chea de peripecias, volve ser a terceira forza parlamentaria tras anos en decadencia, ao roldar xa os 64 escanos, arrebatados principalmente aos conservadores no sur de Inglaterra.

Outro trompazo significativo nestas eleccións é o do Partido Nacional Escocés (SNP), que por agora conta con sete deputados nos Comúns de 43 que tivo na última lexislatura.

Isto significa que os independentistas deixarán de ser a formación dominante en Escocia, en beneficio dos laboristas, aínda que o SNP segue á fronte do Goberno autónomo escocés en principio ata as próximas eleccións rexionais.

De acordo cos últimos datos, os laboristas obtiveron o xoves un 36 % do voto, fronte ao 23 % dos conservadores, cunha participación de arredor do 60 %.

No sistema electoral británico, maioritario uninominal, gaña o candidato máis votado en cada unha das 650 circunscricións, á marxe da porcentaxe de voto das formacións na circunscrición nacional.

Nas próximas horas, Sunak deixará a xefatura do Executivo para dar paso a Starmer, que se converterá en primeiro ministro tras recibir o "permiso" do rei Carlos III, como marca a tradición.

Unha vez no número 10 de Downing Street, despacho e residencia oficial, espérase que dea o seu primeiro discurso á nación e empece a designar os seus ministros.

O novo Parlamento inaugurarase o vindeiro martes coa elección do presidente e o 17 de xullo o rei abrirá oficialmente o período de sesións cun discurso en que anuncia o programa lexislativo do Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade