Os médicos internistas advirten de diagnósticos tardíos de cancro e doenzas crónicas descompensadas a consecuencia da pandemia
Os médicos internistas advirten de diagnósticos tardíos de cancro e doenzas crónicas descompensadas a consecuencia da pandemia
Os médicos internistas advirten de diagnósticos tardíos de cancro e doenzas crónicas descompensadas a consecuencia da pandemia
Máis de 2.700 participantes no 42º Congreso da Sociedade Española de Medicina Interna que se celebra en Santiago
Oito de cada dez pacientes de covid-19 hospitalizados son tratados por estes especialistas
Oito de cada dez enfermos non críticos hospitalizados por covid-19 son tratados por especialistas en medicina interna. Os internistas elaboraron un rexistro cos datos de 25.000 destes pacientes que xa están ofrecendo resultados prácticos.
Algúns deles explícaos o presidente da Sociedade Española de Medicina Interna, Jesús Díez. "Permitiunos saber, por exemplo, que ao contrario do que se pensaba inicialmente, que os fármacos antihipertensivos era prexudiciais, ao contrario, manter o tratamento con estes fármacos é beneficioso para o paciente de covid; ou saber que o uso de corticoides salva vidas de enfermos de coronavirus".
A abordaxe do coronavirus será unha das principais áreas de traballo do Congreso da Sociedade Española de Medicina Interna que reúne en Santiago máis de 2.700 inscritos. Pero as consecuencias da pandemia van moito máis aló. E estanse vendo xa no diagnóstico tardío de enfermidades graves ou en patoloxías crónicas moi prevalentes como a insuficiencia cardíaca ou a diabetes.
"Pacientes moi mal controlados, aos que non se lles revisou o tratamento, coas conseguintes complicacións a longo prazo que imos atopar", indica a presidenta do comité científico deste congreso, Juana Carretero, que avanza que "en cinco ou dez anos imos ver un incremento notable de patoloxías renais crónicas e tamén cardiovasculares".
Jesús Díez engade que "hai cancros ou tumores que se diagnostican en estadíos moito máis avanzados que antes da pandemia".
Os médicos internistas reivindícanse como figura vertebradora da atención sanitaria, reclaman ser tidos en conta para a adopción de novas estratexias de saúde pública e piden que se formen máis profesionais na súa especialidade.