Os sindicatos médicos maniféstanse diante do Ministerio de Sanidade
Reclaman que se atendas as demandas específicas da súa profesión no Estatuto Marco do persoal sanitario que se está negociando
Os médicos meten presión para que se recollan as súas demandas no futuro Estatuto Marco de Sanidade. Este xoves manifestáronse diante do ministerio, dirixido, precisamente, por unha colega de profesión.
"Eu son médica, pero non son só a ministra dos médicos, senón tamén dos enfermeiros, auxiliares, investigadores, celadores, e ademais son a ministra que ten que velar polo Sistema Nacional de Saúde", apuntaba Mónica García nunha entrevista en RNE.
Nesa intervención aclarou que non está disposta a negociar un estatuto específico para eles, pero si abre a posibilidade dun capítulo especial que cabería dentro do documento xeral.
Os sindicatos médicos consideran que, con este xesto, a ministra "empeza a recuar" e reclaman que se negocie ese capítulo directamente con eles. Piden melloras salariais e unha redución da súa xornada laboral.
Segundo Víctor Pedrera, secretario xeral de CESM, "nun país onde se promulga a xornada de 37,5 horas, aos médicos impónselles unha xornada de 48 h". O representante sindical recorda que as súas gardas se pagan por debaixo da hora ordinaria e non computan para a xubilación.
Outro apartado polémico é o das compatiblidades. O ministerio avoga por prohibirlles aos xefes de servizo traballar ao mesmo tempo na sanidade privada.