O vento tempestuoso provoca danos materiais en Vimianzo
O vento tempestuoso provoca danos materiais en Vimianzo
O fenómeno levantou tellados e arrincado árbores, ata un carballo centenario, pero non provocou danos persoais
Os fortes refachos farán que este martes estea en aviso toda a costa de Galicia, salvo o litoral de Lugo, por vento do suroeste de forza sete
Un fenómeno de vento tempestuoso provocou na tarde deste luns diversos danos e danos materiais no municipio coruñés de Vimianzo. Algúns dos veciños que, a última hora da tarde, foron testemuñas destes refachos de vento, compartiron en redes sociais os vídeos nos que describen o fenómeno case como unha "manga mariña".
O fenómeno levantou tellados e arrincou árbores, ata un carballo centenario, pero non provocou danos persoais.
Entrou, como se soe dicir, como un ciclón, sen petar na porta e arrasando con canto atopou ao seu paso. Na vida viran tal cousa como relata unha veciña.
"Na miña vida tal cousa vin. As tellas todas por riba, nin sequera había moito aire pero disparouse todo en menos de medio minuto. Marchaba con todo canto había aí".
"No caso dos tornados pódense dar tamén vinculados á orografía. É probable que de Vimianzo estivese provocado por ese descenso desa masa de aire cálido, baixando por unha ladeira e logo subindo, con esa inestabilidade", explica Ana Celia Vázquez, do Tempo.
Inestabilidade si había e chovía a cachón, cando de súpeto se levantou este vento furacanado sen moita explicación. Nun santiamén, atravesou paredes, levantou tellados e mesmo desprazou do sitio un hórreo de pedra, tal e como detallan algún dos afectados.
"Temos os estragos dos alpendres, o teito da vivenda familiar, o coche do meu fillo".
"Nunha casa que teño, aínda ten tella da antiga e barreulla case toda".
O lugar máis afectado foi San Fins, unha aldea onde esa especie de tornado derrubou dun golpe a insignia da aldea, un carballo milenario e milagreiro rodeado de lendas e historia que lembran os veciños.
"Cando se herniaba un rapaz, pasaba nove veces por debaixo da póla e se a póla curaba, o rapaz sandaba".
"Na miña familia pasou cun neno que tiña dous aniños e tiñan que operalo, pasouse o neno e sexa verdade, sexa mentira ou sexa lenda, o neno curou".
"Para min é coma se fora unha maldición. Botámolo da familia e non quere vivir con ninguén... coma que el mesmo se destruiu".
Cóntao con emoción Eduardo Salgado, da familia que doou o carballo. Mentres, en Vimianzo fan balance dos danos, toca pórse a cuberto porque este mércores a cousa empeora: agárdanse ventos de 100 quilómetros por hora que mesmo poderían chegar aos 140. A zona de maior risco, toda a costa e as zonas de montaña.
O suceso prodúcese horas antes da chegada de Kirk a Galicia este martes, que manterá boa parte do territorio galego en aviso por intensas precipitacións e forte vento no interior e a costa; unha situación que empeorará de cara ao mércores.
Avisos activos na Coruña e Pontevedra
Os avisos estarán activos, principalmente, na Coruña e Pontevedra, onde se espera choiva de ata 80 litros por metro cadrado en 12 horas que manterá en alerta laranxa a totalidade do territorio das provincias salvo o interior coruñés. Con todo, esta última zona xunto o sur de Ourense e as montañas de Lugo e Ourense estarán en aviso amarelo pola previsión de 40 litros por metro cadrado en 12 horas.
O vento, con refachos de entre 70 e 80 quilómetros por hora, tamén obriga este martes para activar avisos. Será en toda a provincia da Coruña e na de Pontevedra, así como na Mariña luguesa e, de novo, a zona de montaña de Lugo e Ourense. Por este motivo, o Concello de Santiago notificou o peche dos parques da cidade mentres persistan estas condicións meteorolóxicas adversas.
Os fortes refachos farán que este martes estea en aviso toda a costa de Galicia, salvo o litoral de Lugo, por ventos do suroeste de forza sete. De feito, só o interior da provincia de Lugo escapará de estar en aviso por temporal este martes. A situación empeorará para a xornada do mércores, cando toda Galicia estará en aviso laranxa por choiva, vento ou temporal costeira, coa condición do litoral lugués, onde haberá unha alerta pero será de cor amarela.
Ondas de ata sete metros
E é que a borrasca ex Kirk, orixinariamente o ciclón tropical Kirk, chegará ao noroeste da península entre a tarde do martes e o mércores, segundo avanzou o portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Rubén do Campo. Así, dará lugar a un importante temporal marítimo en Galicia e o Cantábrico, con ondas de ata sete e seis metros respectivamente, ventos moi fortes en boa parte da Península, mesmo puntualmente con refachos tempestuosos, é dicir, superiores a 120 quilómetros por hora (km/h), e precipitacións xeneralizadas no norte e oeste peninsular, que na comunidade galega e en torno ao sistema central serán especialmente abundantes.