Pedro Sánchez reúnese con Scholz e Costa en Berlín para impulsar o MidCat
Pedro Sánchez reúnese con Scholz e Costa en Berlín para impulsar o MidCat
Con esta xuntanza, os xefes de Goberno de España, Alemaña e Portugal intentan meterlle presión a Francia, contraria ao proxecto
Sánchez e Costa tentarán convencer a Macron antes do próximo Consello Europeo dos días 20 e 21 de outubro
O presidente Pedro Sánchez reuniuse na tarde deste venres en Berlín co chanceler alemán, Olaf Scholz, e o presidente de Portugal, António Costa, para abordar a situación de abastecemento de enerxía na UE, así como o futuro do gasoduto MidCat.
Os tres mandatarios son partidarios da construción da interconexión enerxética transpirenaica. Unha obra que se enfronta polo momento á reticencia do presidente francés, Emmanuel Macron.
Scholz xa expresou o seu apoio "explícito" ao proxecto no cumio hispano-alemán da Coruña do pasado 5 de outubro, nun momento en que o seu Goberno está a fomentar a construción de infraestruturas que permitan a Alemaña independizarse do gas ruso.
O chanceler argumenta que a rendibilidade inicial de MidCat non debe ser o criterio principal, posto que prima a súa importancia estratéxica, e reiterou ademais en varias ocasións que nun futuro podería servir para transportar hidróxeno verde en lugar de gas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, expresou pola súa banda a súa convicción de que será posible chegar a un acordo con Macron, mentres que o seu homólogo portugués, António Costa, asegurou que non vai desistir do proxecto.
Ambos reuniranse co presidente francés, co obxectivo de vencer a súa reticencia, antes do próximo Consello Europeo dos días 20 e 21 de outubro. Nesa xuntanza volverase falar desta interconexión gasística.
Tras o encontro, os tres líderes participaron nunha cea no marco do Congreso do Partido Socialista Europeo, que elixiu ao seu novo presidente, o exprimeiro ministro sueco Stefan Löfven.