Publicador de contidos
Publicador de contidos

Perelló promete o seu cargo como presidenta do Supremo e CXPX ante o rei

Perelló promete o seu cargo como presidenta do Supremo e CXPX ante o rei

A maxistrada Isabel Perelló promete o cargo ante o rei Filipe VI (EFE/ Borja Sánchez-Trillo) A maxistrada Isabel Perelló promete o cargo ante o rei Filipe VI (EFE/ Borja Sánchez-Trillo)
G24.gal 04/09/2024 11:14

A maxistrada Isabel Perelló prometeu este mércores ante o rei o seu cargo como presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, co que se converte na primeira muller que está á fronte de ambos os órganos en toda a súa historia.

Perelló (1958) acatou a Constitución nun acto no Palacio da Zarzuela e ao que asistiron o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a presidenta do Congreso, Francina Armengol; o presidente do Senado, Pedro Rollán; o presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido; e o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños.

Tras lerse o Real Decreto do seu nomeamento que publicou hoxe o Boletín Oficial do Estado, Perelló prometeu o seu cargo ante un exemplar do texto constitucional aberto polo capítulo 123, sobre o Tribunal Supremo.

Posteriormente, o rei felicitou a nova presidenta do Alto Tribunal por ser tamén a primeira muller que ocupa este cargo e pousaron para as fotos oficiais.

O CXPX elixiu onte martes a Perelló, maxistrada da Sala do contencioso administrativo do Alto Tribunal e afiliada aos progresistas Xuíces e Xuízas para a Democracia, fronte á tamén progresista Ana Ferrer.

Esta elección pon fin ao bloqueo que o órgano de goberno dos xuíces sufriu durante máis de cinco anos e medio e permite recuperar a normalidade ante o inicio solemne do ano xudicial nun acto que presidirá mañá, xoves, Filipe VI.

A nova presidenta do CXPX e do alto tribunal ingresou na Carreira Xudicial en 1985 tras rematar os seus estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. O seu primeiro destino como xuíza foi Carballo. Ocupou destinos no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Maó (Menorca), na Audiencia de Barcelona e no Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña.

Tamén serviu no Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (1991) e na Audiencia Nacional (1994), tras o cal pasou a ser letrada no Tribunal Constitucional (1993-2003) e xa en 2009 maxistrada da Sala Terceira do Tribunal Supremo.

Case 20 anos despois, en 2022 para as vacantes do Tribunal Constitucional, Perelló foi unha das maxistradas que xunto a outros maxistrados ofrecéronse para non paralizar o Tribunal de Garantías.

É coautora de varias obras e colaborou no libro A Europa dos Dereitos: o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade