Publicador de contidos
Publicador de contidos

Podemos no seu décimo aniversario: "Estamos pasando por un momento difícil"

Podemos no seu décimo aniversario: "Estamos pasando por un momento difícil"

O partido presentouse en sociedade o 17 de xaneiro de 2014 e a súa historia está marcada polo liderado de Pablo Iglesias

G24.gal 17/01/2024 14:45

En 2014 presentábase en sociedade un novo partido nacido á calor das protestas do 15-M. O ano seguinte, Podemos irrompía como terceira forza no Congreso, facendo tremer o bipartidismo.

Pero os problemas internos axiña quedaron patentes. Pouco despois da súa fundación, Juan Carlos Monedero deixaba a dirección, Carolina Bescansa a política e Íñigo Errejón botáballe un pulso a Pablo Iglesias. Perdeuno e acabou montando o seu propio partido. A maioría dos fundadores quedaban xa fóra da foto.

Con Iglesias á fronte, Podemos conseguiu entrar no primeiro goberno de coalición da democracia. O líder abandonaba a vicepresidencia para presentarse nunhas eleccións madrileñas das que saíu derrotado. Antes de marchar, apuntou sucesoras: Yolanda Díaz de candidata e Ione Belarra á fronte do partido. Pero entre elas non conseguiron entenderse.

Ernest Urtasun, voceiro de Sumar, recoñece neste aniversario que "as relacións deterioráronse politicamente" aínda que "non por vontade" dos de Yolanda Díaz.

Podemos retruca e acusa a Sumar de deixalos fóra do Goberno e de vetar a Irene Montero. A exministra de Igualdade admite que "os últimos meses non foron doados" porque tiveron que tomar "decisións moi difíciles".

De feito, consumaron a ruptura con Sumar en decembro, pasando os seus cinco deputados ao Grupo Mixto. Tras dez anos de existencia, hoxe Podemos atópase nunha encrucillada. A actual secretaria xeral admitía ante que os xornalistas que están "pasando por un momento difícil pero, o que quere gañar sempre perde algunha vez".

Ione Belarra insiste en que están "traballando para ser, na próxima década, aínda máis útiles á xente do país do que fomos na pasada década, que foi bastante".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade