Publicador de contidos
Publicador de contidos

Policías venezolanos rodean a embaixada da Arxentina nun clima de tensión

Policías venezolanos rodean a embaixada da Arxentina nun clima de tensión

No interior da sede diplomática permanecen refuxiados seis asesores de campaña da principal líder da oposición María Corina Machado

O Goberno da Arxentina revoga ao Brasil a representación da Arxentina no país

Unha ptarulla policial nos exteriores da embaixada arxentina en Caracas o venres pola noite
G24.gal 07/09/2024 11:49 Última actualización 07/09/2024 22:36

Axentes policiais de Venezuela "asedian" a noite deste venres a residencia oficial da embaixada de Arxentina en Caracas, baixo protección do Brasil tras a expulsión da misión diplomática do país austral, onde se atopan refuxiados seis opositores desde marzo, denunciaron dous dos asilados.

Na rede social X, o coordinador Internacional de Vente Venezuela (VV), partido liderado por María Corina Machado, Pedro Urruchurtu, indicou que axentes da Dirección de Accións Estratéxicas e Tácticas (DAET) da Policía Nacional Bolivariana (PNB) e do Servizo Bolivariano de Intelixencia (Sebin), xunto con "funcionarios encapuchados e armados, rodean" o lugar.

O ex-deputado Omar González, membro tamén de VV, denunciou o corte da subministración eléctrica á residencia, tras o que está a funcionar unha "pequena planta de emerxencia" para contar co servizo.

"Hai decenas de efectivos de corpos de seguridade do Estado rodeando a sede da embaixada, á que lle interromperon o servizo eléctrico e estase alumando cunha pequena planta de emerxencia", dixo o opositor nun vídeo que publicou en X.

Ademais de Urruchurtu e González, tamén se atopan asilados Magalli Meda, quen foi a xefa de campaña para as presidenciais; Claudia Macero, coordinadora de comunicacións de VV; Humberto Villalobos, coordinador electoral do Comando de Campaña de VV, e o ex-ministro Fernando Martínez Mottola, asesor da Plataforma Unitaria Democrática (PUD), o principal bloque opositor.

Os seis opositores refuxiáronse logo de que a Fiscalía os acusase de varios delitos, como conspiración e traizón á patria, entre outros. A finais de xullo, este grupo de opositores denunciou que "funcionarios de seguridade do réxime" estaban nos arredores do lugar e buscaban "tomar esta sede diplomática", o que cualificaron como unha "grave violación ao dereito internacional".

Desde agosto, o Brasil ocúpase da custodia das sedes diplomáticas do Perú e a Arxentina en Venezuela, así como da representación dos seus intereses e cidadáns no país caribeño, tras a expulsión dos membros de ambas as legacións.

Ademais do Perú e a Arxentina, o executivo de Nicolás Maduro tamén esixiu a Chile, Costa Rica, Panamá, República Dominicana e o Uruguai o retiro "inmediato" dos seus representantes, en rexeitamento ás súas "inxerencias" sobre as presidenciais do 28 de xullo, nas que o chavista foi proclamado gañador, o que cuestiona boa parte da comunidade internacional.

O Brasil tamén asumiu a custodia dos seis opositores refuxiados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade