Polo menos 20 mortos, entre eles 5 xornalistas, nunha nova onda de bombardeos israelís en Gaza
Polo menos 20 mortos, entre eles 5 xornalistas, nunha nova onda de bombardeos israelís en Gaza
En total xa son 201 os informadores que perderon a vida no conflito
Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade de Gaza, o número de falecidos dende o inicio da guerra elévase a 45.361
Polo menos vinte persoas morreron e unha trintena resultaron feridas nunha nova onda de ataques israelís durante a noite do mércores, na que cinco xornalistas da canle de televisión Al Quds (vinculado a Hamas) morreron despois de que o seu vehículo de transmisión fora bombardeado fronte ao hospital Al-Awda en Nuseirat, no centro da Franxa de Gaza.
De acordo co reconto da Oficina de Medios do Goberno do enclave, xa son 201 os informadores que morreron en Gaza por mor da ofensiva israelí o cal inclúe entre as súas cifras as defuncións de xornalistas, pero tamén de influencers e intelectuais.
As Forzas de Defensa de Israel (IDF), pola súa banda, confirmaron que realizaron un "ataque preciso" contra un vehículo pertencente a unha célula da Xihad Islámica na área de Nuseirat durante a noite.
"Antes do ataque, tomáronse numerosas medidas para mitigar o risco de danar a civís, incluíndo o uso de municións precisas, vixilancia aérea e recompilación adicional de intelixencia. As IDF continuarán operando contra Hamas en defensa dos cidadáns de Israel", precisaron nun comunicado.
Segundo a axencia Wafa, cinco persoas morreron e outras vinte quedaron feridas nun ataque aéreo contra unha vivenda no barrio de Zeitún, na cidade de Gaza. No barrio de Sabra, tamén en Gaza, dez persoas faleceron, sendo oito delas vítimas dun bombardeo contra unha casa pertencente á familia Dahsan, dos que xa se recuperaron cinco corpos.
Ao norte, en Jabalia, que permanece baixo asedio israelí dende o 6 de outubro, outras dúas persoas morreron nun ataque aéreo contra outra casa. Estes novos bombardeos súmanse aos realizados o día anterior, que deixaron un saldo de 23 palestinos mortos, o que eleva a 45.361 o número de falecidos dende o inicio da guerra, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade de Gaza, controlado polo Goberno de Hamas.
A situación humanitaria na franxa de Gaza é cada vez máis crítica. Miles de palestinos no norte do territorio loitan contra a fame debido ao bloqueo case total de alimentos por parte de Israel, segundo un informe publicado este luns polo FEWS NET, un organismo estadounidense de vixilancia da crise alimentaria, que alerta de que xa se está vivindo unha "fame negra" na rexión.
Mentres tanto, cada vez máis organismos internacionais e grupos humanitarios cualifican a continuación dos ataques israelís en Gaza como un xenocidio. De feito, o 5 de decembro, Amnistía Internacional concluíu, tras unha investigación, que Israel "cometeu e segue cometendo xenocidio contra os palestinos na Franxa de Gaza ocupada".