Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prevista a apertura da intermodal de Santiago para este maio e o aparcadoiro para o verán do 2026

Prevista a apertura da intermodal de Santiago para este maio e o aparcadoiro para o verán do 2026

O delegado do Goberno en Galicia afirma que se está “a recuperar o tempo perdido”, xa que nos anteriores anos a capital galega estivo “dalgún modo, esquecida” en canto a investimentos estatais.

Adif asegura que as obras de mellora dos túneles do AVE non afectarán aos viaxeiros porque se executan "na súa totalidade" pola noite

EFE / Lavandeira jr EFE / Lavandeira jr
G24.gal 11/04/2025 12:31

O novo proxecto da Intermodal de Compostela, coas novas instalacións operativas, previsiblemente abrirá o próximo mes de maio, aínda que o aparcadoiro non estará listo ata o verán de 2026, segundo os cálculos do Goberno central e o concello de Santiago.

Así o avanzaron en declaracións aos medios o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, tras reunirse coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e co director xeral de Adif, Juan Pablo Villanueva, nun encontro que cualificaron de positivo para a cidade.

“Eu creo que, efectivamente, é un día para celebrar, porque son boas noticias para Compostela”, dixo o delegado do Goberno, xa que a intermodal de Santiago supón unha “porta de entrada” a Galicia xunto ao aeroporto compostelán.

Blanco reivindicou os investimentos realizados polo Goberno nesta infraestrutura e os destinados ao parador do Hostal dos Reis Católicos. O delegado do Goberno afirmou que Santiago e o Estado están “a recuperar o tempo perdido” xa que nos anteriores anos a capital galega estivo “dalgún modo, esquecida” en canto a investimentos estatais, admitiu.

O representante do Goberno asegurou que a intención do seu departamento é “poñer á capital de Galicia exactamente no lugar que lle corresponde, que é o lugar que empeza a ter”.

Pola súa banda, o responsable de Adif sinalou que as obras están na súa fase final “con toda a documentación tanto de seguridade como de interoperabilidade” para a súa posta en marcha coa previsión de que toda esta documentación estea entregada "previsiblemente a final de mes”.

Confiou en que poida estar operativa no mes de maio, aínda que insistiu en que dependerá “do tempo que requira a Axencia de Seguridade Ferroviaria”.

Respecto ao aparcamento, lembrou que é un proxecto que xa está en exposición pública a fin de empezar os traballos de execución “ao longo deste ano”, previsiblemente en setembro. A obra, dotada con 9 millóns de euros, ten unha duración aproximada de nove meses, está financiada con fondos europeos e “debería estar acabada en xuño do ano 2026”.

Por parte do concello, a alcaldesa celebrou que “en pouco tempo” a posta en marcha da intermodal será unha realidade. Ademais, puxo en valor que vaia ser nomeada coa denominación Daniel Rodríguez Castelao, xusto no ano en que se conmemora a figura do artista e que a rexedora ve como un acto “especialmente simbólico”.

As obras de mellora de túneles do AVE non afectarán os viaxeiros

O director xeral de Negocio e Clientes de Adif, Juan Pablo Villanueva, asegurou este venres que as obras en marcha para mellorar a seguridade en 43 túneles da liña de alta velocidade a Galicia “non afectan para nada os viaxeiros”.

As obras ás que Adif destina máis de 11 millóns de euros para mellorar a seguridade en 43 túneles da liña de alta velocidade a Galicia contemplan actuacións que se centran nos sistemas de iluminación, extinción de incendios, ventilación, sinalización e accesos de emerxencia, distribución de enerxía e comunicacións.

Villanueva explicou que as obras, que xa están en marcha, obedecen a un “acordo cos operadores”. As melloras, dixo, levaranse a cabo "na súa totalidade pola noite", aclarando que non terán afectación “de ningún tipo” na circulación de viaxeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade