Comeza a funcionar a estación provisional de tren da Coruña con queixas polos accesos
Comeza a funcionar a estación provisional de tren da Coruña con queixas polos accesos
A nova terminal custou 4,5 millóns de euros e estará operativa ata xuño de 2026
En xaneiro abrirá un aparcadoiro con 97 prazas
Este sábado comezou a funcionar a estación provisional de tren da Coruña, situada na avenida Ferrocarril, a uns 350 metros do edificio histórico da estación, unha infraestrutura que custou catro millóns e medio de euros.
Conta cunha extensión de algo máis de mil metros cadrados, 11 monitores de información e unha sala de embarque para acceder a seis vías e tres plataformas.
"Había tempo que non viña á Coruña. Veño sempre porque teño amigas aquí e cando cheguei pensei que me equivocara de estación, pero estou na Coruña? Superlinda".
"Eu prefería a anterior pero bueno haberá que adaptarse".
Fronte á entrada principal, unha parada de taxi e outra de autobús urbano. A partir de xaneiro haberá un aparcadoiro de 97 prazas. Pero este sábado moitos usuarios queixáronse dos accesos.
"Maior impedimento? O tema dos autobuses urbanos, aquí non chega ningún, só pasa a liña 5".
"A min ben porque me veñen buscar en coche e queda mellor parar aquí".
"Eu traballo en Santiago, vou e veño todos os días e ademais do tempo agora teño que engadirlle dez ou quince minutos, non está moi ben organizado".
Esta nova terminal estará operativa ata xuño de 2026, que será cando conclúan as obras de adaptación do edificio histórico para a intermodal.
"Ata 2026 o de provisional é un pouco demasiado pero... mentres sexa para mellorar, está ben".