Profesionais da psicoloxía apostan por un uso supervisado das redes na adolecencia
Profesionais da psicoloxía apostan por un uso supervisado das redes na adolecencia
O 30 % da rapazada fai un uso inapropiado de Internet e un de cada dez adolescentes sufriu acoso nas redes
A principios deste ano os centros educativos prohibían o uso dos teléfonos móbiles, unha reivindicación de psicólogos e educadores, que ven no uso destes aparatos e das redes sociais, diversas consecuencias negativas cando se usan sen control.
De feito, o 30 % da rapazada fai un uso inapropiado da Internet e un de cada dez adolescentes sufriu acoso a través destas redes.
"O primeiro móbil recíbeo a rapazada aos once anos, e deses, un 95 % teñen unha conexión aberta a Internet. Os datos din que esa conexión á Internet habitualmente na casa non teñen uns límites: de horarios, frecuencia, dos contidos que poidan atopar", asegura María José Lamas, psicóloga da asociación Emilia Gómez ADAFAD.
Adiccións, acoso escolar ou acceso á pornografía son algúns dos efectos aos que leva o acceso sen control ás redes sociais, que se poden reconducir cunha supervisión parental e coa busca de escollas.
"Se queremos regulamentar que non estean sós diante dunha pantalla, temos que darlle unha alternativa: a conversa con pais e nais, estar cos amigos ou o estar fóra".
Os psicólogos apuntan ás redes como causantes do atraso no establecemento de relacións empáticas, así como a explicación de actitudes agresivas entre a mocidade. As novas tecnoloxías son ferramentas indispensables, pero cómpre saber usalas.