“Protestas do agro europeo”, por Maite Cancelo
“Protestas do agro europeo”, por Maite Cancelo
As protestas dos agricultores franceses estendéronse ao resto dos países da UE: os recortes nos subsidios agrícolas, as políticas ambientais que impón a UE (Pacto Verde) ou o aumento dos custos da enerxía son algúns dos focos das mesmas. A elevada inflación está a impactar no minguado prezo a que venden os seus produtos, sobre todo se non están organizados, como pode ser o caso das cooperativas. As regras ambientais europeas e a excesiva burocracia á hora de cobrar os subsidios mais a crecente sensación de que as normas estatais e europeas en nome da transición ecolóxica están a afogalos e son o detonante da extensión da protesta.
Seguro que moitas, senón todas, as reivindicacións que están poñendo sobre a mesa os agricultores teñen unha base sólida, pero o que non é de recibo é o que está a pasar en Francia, co ataque aos transportistas de produtos españois e, moito menos, as declaracións dalgúns políticos franceses, empezando polo primeiro ministro Gabriel Attal ou a última da exministra socialista Ségolène Royal sobre o tomate ecolóxico español, todas elas sen ningún tipo de fundamento, sen probas e só para desviar a atención da protesta sobre as políticas agrarias francesas.
Porque os agricultores españois, sexan da agricultura tradicional ou a ecolóxica, están suxeitos ás normas que dita a UE para todos os países. Outra cuestión é se a francesa é máis restritiva; nese caso, en lugar de envorcar a mercadoría dos nosos camións o que teñen que facer é plantarse diante do Elíseo e demandar que se lles aplique as mesmas normas que aos agricultores españois, ou sexa, as europeas.
O que si que é preocupante é que a competencia desleal realmente vén de fóra: os agricultores de terceiros países, como Marrocos ou Mercosur, non teñen unha lexislación tan restritiva como os europeos, polo que os custos de produción son máis baixos, á vez que a garantía de calidade dos seus produtos tampouco é a mesma que a dos europeos.
Outros problemas
En España, ademais, temos o grave problema da seca, que está a impactar sobre a nosa produción e os nosos custos de forma alarmante. Adicionalmente, un tema do que non se está falando moito pero tamén está aí é o cereal importado de Ucraína polo trato preferente, que debido á guerra, está a ter por parte de Bruxelas e que está a afectar tanto aos produtores do leste de Europa como aos españois, neste último caso non tanto porque non necesitemos importar cereal, que si, senón polo feito de que cheguen libres de aranceis, o que está é a empuxar á baixa os prezos nacionais
Outro tema e a continua reclamación do prezo xusto que debe cobrar o agricultor e a que se tratou de dar resposta coa lei de cadea alimentaria, que parece tampouco está a ter os resultados esperados e desexados.
E o que si está claro é que segue habendo graves problemas para os nosos agricultores (e tamén para os nosos gandeiros), que as respostas que se están dando non son as axeitadas xa que seguimos reproducindo os mesmos problemas ano tras ano, e que os nosos agricultores son unha peza básica, non só económica, senón de subsistencia das familias, xa que son os que nos provén dos alimentos que necesitamos para poder vivir.