Publicador de contidos
Publicador de contidos

PSOE e UP chegan ao 8M enfrontados pero descartan a ruptura da coalición

PSOE e UP chegan ao 8M enfrontados pero descartan a ruptura da coalición

A reforma da lei do 'só si é si' provoca unha crise interna do Goberno

Ministras socialistas e de Podemos acudirán á mesma manifestación pero marcharán separadas

G24.gal 08/03/2023 14:57

O presidente do Goberno felicitaba esta mañá dende os corredores do Congreso a celebración do Día Internacional da Muller. Afirmaba, ademais, Pedro Sánchez que "hai moitísimas cousas polas que seguir traballando e este Goberno ten o compromiso de traballar pola igualdade real e efectiva de homes e mulleres".

O Goberno chega a este 8M fracturado, precisamente, por unha lei de igualdade, a do 'só si é si'. Para a líder de Podemos, Ione Belarra é "moi triste que cheguemos ao 8M nestas circunstancias", xa que o seu partido censura a reforma que impulsou o PSOE e apoiou o PP".

Para a ministra de Igualdade, "o que está en risco nestes momentos non é o Goberno de coalición, son os dereitos das mulleres". Segundo Irene Montero, "é moi mala noticia para as mulleres deste país que o PSOE se dera a man co PP para iniciar o camiño que pode levarnos a volver ao Código Penal da violencia ou da intimidación, ao Código Penal da Manada".

Aínda así, uns e outros descartan a ruptura da coalición. Para María Jesús Montero, ministra de Facenda, os dous partidos do executivo teñen por diante "un programa de goberno que avanzou moito pero ao que lle queda camiño por percorrer" e amosouse confiada en que esgotarán a lexislatura.

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, cre que nunca deberon "ter chegado hasta aquí" e pediulle "a todo o mundo que sexa responsable".

Pero a distancia entre os socios é notoria. A propia voceira do Goberno publicaba unha foto do presidente posando no Congreso só cos ministros do PSOE, ningún de Podemos. Despois, Pedro Sánchez marchou para a Moncloa para reunirse cun grupo de mulleres directivas.

O presidente non asistiu ao acto institucional organizado polo Ministerio de Igualdade, no que si participou nos últimos anos. Alí, a ministra Montero foi increpada por un grupo de activistas contrarias á lei trans, un dos asuntos que mantén dividido o feminismo.

Esa diverxencia escenificarase esta tarde nas rúas de Madrid. Hai dúas manifestacións convocadas. Ministras do PSOE e de Podemos acudirán á mesma, pero marcharán separadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos