Putin anuncia a chegada das primeiras armas nucleares tácticas a Belarús
Putin anuncia a chegada das primeiras armas nucleares tácticas a Belarús
Zelenski pide a retirada rusa para lograr unha paz "verdadeira e xusta"
O presidente de Rusia, Vladímir Putin, dixo este venres que as primeiras armas nucleares tácticas xa chegaron a Belarús nun proceso que terminará coa súa despregadura no país veciño como moi tarde a finais de ano.
"As primeiras cargas nucleares xa chegaron a Belarús. Cara a finais do verán, finais de ano todo este proceso concluiría. Pero trátase dunha medida de disuasión", recalcou no Foro Económico Internacional de San Petersburgo.
Mentres, o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, pediu este venres a retirada rusa para lograr unha "paz verdadeira e xusta" tras reunirse en Kíiv cunha delegación de sete líderes africanos encabezada polo presidente de Suráfrica, Cyril Ramaphosa.
"É obvio que o cesamento do terror ruso e a retirada de toda a súa xente do territorio de Ucraína é o que pode deter esta guerra", escribiu na súa canle de Telegram.
Parte de guerra
O mandatario ruso asegura que Ucraína está a sufrir perdas masivas na primeira fase da súa contraofensiva. Pola súa banda, Kíiv di que as súas tropas continúan avanzando xunto á cidade de Bakhmut, unha das tres zonas da fronte na que se centran os ataques.