Publicador de contidos
Publicador de contidos

Putin obriga a pagar o gas natural mediante contas en rublos en banco rusos

Putin obriga a pagar o gas natural mediante contas en rublos en banco rusos

O presidente ruso asinou o decreto que entrará en vigor mañá mesmo

Rusia non fará "obras de caridade", asegura Putin, que ameaza con cancelar os contratos

O prezo do gas natural subiu o 4,8% a consecuencia das dúbidas sobre o pagamento 

G24.gal 31/03/2022 17:02

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, afirmou este xoves que suspenderá os contratos de subministración de gas se os países "inamistosos" non pagan o combustible en rublos e non abren unha conta na moeda nacional rusa en Gazprombank.

"Hoxe asinei un decreto que establece as regras para o comercio do gas natural ruso cos chamados países inamistosos" e que entrará en vigor o 1 de abril, sinalou o líder ruso pouco antes dunha reunión coa industria da aviación.

No decreto, o presidente ruso especifica que o banco autorizado para iso é Gazprombank, unha das poucas entidades financeiras de Rusia que non foi sancionado pola Unión Europea (UE) porque procesa, xunto a Sberbank, gran parte das operacións enerxéticas co bloque.

O mandatario ruso afirmou que Rusia non fará "obras de caridade" no que atinxe á subministración de gas a Europa e outros países.

"Se non se realizan os devanditos pagos, consideraremos isto como un incumprimento por parte dos compradores con todas as consecuencias resultantes", advertiu.

"Ninguén nos vende nada gratis e tampouco faremos obras de caridade. Iso significa que os contratos existentes (en caso de falta de pago do gas en rublos) suspenderanse", recalcou.

O prezo do gas natural subiu o 4,8 %

Este xoves, a consecuencia das contraditorias mensaxes sobre a nova normativa rusa de pagamento, o prezo do gas natural pechou cunha alza do 4,8%.

Tralas declaracións de Putin, o gas TTF para entrega en abril chegou a subir no mercado holandés ata o 7 %, pero volveu baixar despois de que Italia e Alemaña asegurasen que Rusia ía admitir pagalo en euros.

Scholz reitera que os pagamentos faranse en euros

O chanceler alemán, Olaf Scholz, reiterou este xoves que os pagamentos pola subministración de gas procedente de Rusia seguiranse realizado en euros.

Scholz afirmou que na súa conversación de onte co líder ruso deixou claro que Alemaña non está disposta a cambiar a forma de pago. "Que é o que pretende Putin, analizarémolo, pero o que está en vigor para as empresas é que poden pagar en euros e así o farán," asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade