Nova xornada de tensas protestas en Francia contra o Goberno de Macron
Nova xornada de tensas protestas en Francia contra o Goberno de Macron
Houbo queima de colectores, cargas policiais e desfeitas no mobiliario urbano en varias localidades
Nova xornada de protestas en Francia contra o Goberno de Macron tras aprobar por decreto o xoves pasado a impopular reforma das pensións. Houbo queima de colectores, cargas policiais e desfeitas no mobiliario urbano en varias localidades.
En París, ante a prohibición de manifestarse na praza da Concordia, onde se rexistraron centos de arrestos e numerosos danos nas protestas das últimas noites, milleiros de persoas desprazáronse ata a praza de Italia.
Na capital, mesturáronse militantes sindicais e de partidos de esquerdas con manifestantes á marxe de calquera organización, evocando a revolta dos chalecos amarelos de 2018.
Case dúas horas despois do inicio da marcha, houbo queima de colectores e levantamento de barricadas, que provocaron cargas da Policía. As forzas de seguridade usaron gas lacrimóxeno en resposta ao lanzamento de proxectís.
No sur do país tamén se rexistraron tensas mobilizacións na rúa. En Bordeos, queimaron colectores de lixo nunha rúa céntrica da cidade.
A vaga de contestación contra o Goberno do presidente francés, Emmanuel Macron, estendeuse este sábado practicamente por todo o país, mesmo en cidades medianas e pequenas.
As manifestacións uníronse a paros parciais nos trens, nas refinerías, no sector do gas e na recollida de lixo, entre outros ámbitos.