Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rafael Amargo, en liberdade provisional ata que haxa sentenza

Rafael Amargo, en liberdade provisional ata que haxa sentenza

No xuízo negou que vendese droga e di que intentaron acabar coa súa carreira

A Fiscalía pide nove anos de cárcere para o artista e o seu produtor, e seis para o outro acusado

A defensa de Rafael Amargo pide a nulidade das escoitas e dos rexistros en que atoparon droga no seu piso

Rafael Amargo na Audiencia Provincial de Madrid (EFE)
G24.gal 12/04/2024 12:02 Última actualización 12/04/2024 16:39

A sala da Audiencia Provincial de Madrid que xulgou durante toda a semana ao bailaor Rafael Amargo, acusado de vender droga desde a súa casa, deixouno en liberdade ata que se coñeza a sentenza pero con medidas cautalares que se traducen na obriga de asinar no xulgado cada quince días. Amargo estaba en prisión desde o pasado 3 de novembro, cando a Audiencia Provincial de Madrid decretou que ingresase porque non cumpriran coa obrigación de asinar cada 15 días no xulgado.

Ademais de Rafael Amargo, sentaron no banco dos acusados o produtor Eduardo de Santos e o socio do artista Manuel Ángel Batista, acusados de integrar un grupo que vendía droga desde o domicilio do artista. A Fiscalía pide nas súas conclusións provisionais nove anos de cárcere para o artista, que está en prisión desde novembro de 2023 por non acudir a asinar ao xulgado, e para o produtor, mentres que para o outro acusado solicita seis anos. 

Amargo declarou este venres na xornada final do xuízo que se segue contra el na Audiencia Provincial de Madrid.  Negou  que vendese droga desde a súa casa, e afirmou que é "totalmente falso" o relato acusador da Policía e da Fiscalía, nunha causa en que a estratexia é "que deixase de traballar" e confesase un delito que non cometeu. "Intentaron matarme con este xuízo", dixo. 

Amargo foi negando cada unha das acusacións sobre as que lle preguntou o seu letrado, nunha declaración algo atropelada na que o seu avogado pediulle varias veces que se cinguise ás preguntas e "se centrase". "Perdón, é que teño unhas gasas...", dixo en varios momentos o artista, que afirmou que el é bo orador pero non no ámbito xurídico. "Eu son máis coloquial, eu son como Lola Flores" e "é que son moi teatral", dixo, o que provocou o sorriso do público e do tribunal.

Amargo afirmou que á súa casa "non foi ninguén na vida para comprar (droga)" e que non usaba mulas para mover a droga, con frases como "iso é totalmente incerto" ou "totalmente falso". "A estratexia era que eu deixase de traballar, e que me declarase narcotraficante, e iso non vai pasar", afirmou Amargo sobre a investigación á que foi sometido, destacando que el se decatou da súa detención "pola prensa" e antes de que lle arrestasen, xusto antes da estrea de Erma.

"Tentaron matarme con este xuízo", dixo durante a súa declaración, na que deixou claro que non ten necesidade, grazas á súa familia e aos seus amigos, "de dedicarse a outra cousa que non sexa ao que se dedicou toda a vida, as artes escénicas". Defendeu que "a trasfega" de persoas da que fala a Policía se debía a que ensaiaba na súa casa, e que a conversación sobre o alugueiro dun rocho era porque realmente necesitaban un lugar para lavar a roupa dos espectáculos, e a balanza que se lle interveu ao ser arrestado levábaa para pesar a droga que compraba para el.

Durante a sesión mostróuselle a báscula intervida pola Policía, pero el dixo que non é a súa. Amargo incidiu en que leva case catro anos soñando con declarar no xuízo e está "supercontento" por poder dicir "a verdade e máis nada que a verdade", e destacou que nestes últimos catro anos, desde que foi detido en 2020, arruináronlle "a vida". Explicou que está "feliz" de entrar en Proxecto Home e que se está a desintoxicar.

Eduardo de Santos e Manuel Ángel Batista tamén negan ser culpables

Pola súa banda, o produtor Eduardo de Santos dixo que non vendía droga e quixo deixar claro que "xamais" foi á casa de Amargo a comprar ou vender droga, senón que "só consumían xuntos", xa que ambos eran adictos. Á pregunta de se durante a época que se investiga, o ano 2020 en plena pandemia, fixo provisión de droga recoñeceu que si, "como outros fan provisión de papel hixiénico". "Hai unha maior dificultade e hai que facer provisión", engadiu.

Destacou que é un enfermo, xa que ten un trastorno cognitivo que lle afecta a memoria e outras patoloxías, polo que lle recoñeceron unha discapacidade absoluta, e que durante o proceso sentiuse "desprotexido".

Pola súa banda, Manuel Ángel Batista negou que fose unha "mula" do grupo e explicou que traballaba para Amargo nos espectáculos, e que ía á súa casa porque lle coñece desde fai dez anos, dado que é bailarín.

Nas conclusións finais, a Fiscalía mantivo a súa petición de pena para os tres acusados, mentres que a defensa de Amargo dixo que "non admite máis que a absolución" pero, se o tribunal vise culpabilidade, tería que ser con eximente por consumo de droga. Pola súa banda os avogados dos outros dous procesados defenden a súa inocencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade