Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rifa entre Candia (PP) e Prado (BNG) na comisión de contratos: "Non me ameace co dedo"

Rifa entre Candia (PP) e Prado (BNG) na comisión de contratos: "Non me ameace co dedo"

Ocorreu logo de que Candia, presidenta da comisión, reprochase aos asistentes as constantes interrupcións durante os discursos das persoas citadas e Prado comezase a falar desde a súa mesa

Corgos: "Non había alternativa, ou era unha colaboración público-privada ou non era"

G24.gal 28/11/2024 20:33

A comisión constituída no Parlamento galego para investigar a política de contratación da Xunta viviu este xoves a súa cuarta xornada con certos momentos de tensión. A última rifa tivo como protagonistas á presidenta da comisión, a popular Elena Candia, e a deputada do BNG Montse Prado.

Ocorreu cara ao final da comparecencia de Elena Muñoz, que foi conselleira de Facenda con Alberto Núñez Feijóo, entre os anos 2012 e 2015. Candia reprochou aos asistentes as constantes interrupcións durante os debates e os discursos das persoas que son citadas á comisión.

"É moi incorrecto que se interrompan cando falan os distintos grupos parlamentarios, pero, se se me permite esta reflexión, aínda é moito máis incorrecto cando se fai cos comparecentes. Non se fixo con todos os comparecentes e todos merecen absolutamente a mesma exquisitez no trato", manifestou a dirixente popular.

Nese momento, Montse Prado empezou a falar desde a súa mesa e Candia espetoulle: "Vostede chega unha hora tarde e fáiselle longa a comisión, porque non respecta a ninguén".

A nacionalista reprochoulle estas palabras mentres lle apuntaba co dedo índice, ao que Candia pediulle que "respecte á Presidencia" e díxolle: "Non me ameace co dedo, que iso ademais é unha falta de educación".

Nese momento, Prado acendeu o seu micrófono para intervir. "Non pode interromper sen pedir a palabra", advertiulle Candia. "E vostede non pode insultarme gratuitamente", replicoulle a responsable do BNG, para seguidamente pedirlle que retirase as súas palabras.

"Non insultei a ninguén. E que vou retirar? Que está a interromper constantemente? É absolutamente incómodo e unha falta de respecto. Hai persoas que non interrompen nunca e outras que interrompen constantemente. É un dato obxectivo, non é ningunha valoración e ningunha falta de respecto", resolveu Elena Candia, antes de dar a sesión por finalizada cun agradecemento a Elena Muñoz por comparecer no Parlamento.

Esta discusión foi a de maior ton que se produciu nesta comisión durante as súas catro xornadas de comparecencias. Con anterioridade xa se estaban producindo constantes pequenas liortas que obrigaron á presidenta para intervir.

Por exemplo, un desencontro o martes entre o deputado do PP Roberto Rodríguez e a do PSdeG Patricia Rodríguez, despois de que esta última denunciase que a Xunta deseñara a concesión do Hospital Alvaro Cunqueiro como un "traxe a medida" da concesionaria. Tamén apuntou a "irregularidades" en contratos do Goberno galego a empresas dirixidas por persoas da contorna do expresidente Alberto Núñez Feijóo.

O popular díxolle que imputar a empregados públicos "un delito de prevaricación administrativa, como mínimo". Ambos se pediron mutuamente retirar as súas palabras e, despois de que Iglesias avisase de que formularía unha queixa ante a Mesa do Parlamento, Candia pediulles a ambos que acordasen que as súas palabras non constasen en acta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade