Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta tratará de iniciar a renovación do Plan de Normalización Lingüística antes de que acabe 2024

A Xunta tratará de iniciar a renovación do Plan de Normalización Lingüística antes de que acabe 2024

López Campos non descarta abordar unha posible modificación do Decreto do Plurilingüismo, pero pide ao BNG que presente "unha alternativa"

Os populares abriron a segunda rolda de contactos da Administración autonómica cos grupos parlamentarios cara a un novo Pacto pola Lingua

O BNG ve "insuficiente" a renovación do Plan de Normalización e insiste en "modificar" o Decreto do Plurilingüismo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos (3d), e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (d), durante a reunión coas deputadas do grupo do BNG, Mercedes Queixas (2e) e Iria Taibo (e), este xoves en Santiago (EFE / Lavandeira Jr.). O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos (3d), e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (d), durante a reunión coas deputadas do grupo do BNG, Mercedes Queixas (2e) e Iria Taibo (e), este xoves en Santiago (EFE / Lavandeira Jr.).
G24.gal 28/11/2024 11:37 Última actualización 28/11/2024 15:01

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, confirma que tratarán de iniciar a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística antes de que acabe o ano e que contará con 11 áreas de impacto, entre as que se atopan as novas tecnoloxías e o audiovisual.

Así se expresou en declaracións aos medios este xoves, tras reunirse os grupos parlamentarios, acompañado polo secretario de xeral de Lingua, Valentín García, na Cámara autonómica.

Esta é a segunda rolda de contactos da Administración galega coas forzas políticas a prol de chegar a un novo Pacto pola Lingua.

López Campos destacou o "clima de diálogo" que se está creando entre o Goberno galego e os diferentes grupos con representación parlamentaria, "necesario" para "pensar nese gran pacto que Galicia necesita".

"Veño de percorrer as principais institucións do país: a Real Academia Galega, o Consello da Cultura, distintas editoriais... Todos insisten en que necesitamos, desde a parte política, dar unha imaxe de que estamos ante un novo escenario, un no que temos que chegar a acordos necesariamente", sinalou.

Nesta liña, considera que, vistos os datos do uso do galego, "os primeiros que teñen que dar exemplo son as formacións políticas". "Teño que dicir que creo que estamos nese camiño (...). Hai esa sensibilidade. Todos coincidimos no diagnóstico, todos cremos que estamos nun escenario, nese ciclo de 20 anos, no que necesitamos actualizar as ferramentas que temos a disposición para impulsar o uso do galego na sociedade. E entendemos que esa gran ferramenta que temos a disposición é o Plan Xeral de Normalización Lingüística", defendeu.

11 áreas de impacto

A este respecto, explicou que a proposta formulada aos grupos consiste nun novo documento, o que sería o novo Plan de Normalización, para o que se formarán 11 grupos de traballo en 11 áreas "de impacto" que recibirán as diferentes achegas e información das formacións políticas.

As áreas nas que traballarán estes grupos amplíanse desde 2004, cando eran nove, e inclúen sectores como as novas tecnoloxías ou o audiovisual, adecuándose á "situación social de Galicia, que cambiou".

"Queremos constituír e arrincar con esa actualización do plan antes de final deste ano", avanzou, aínda que si confirmou que, simultaneamente, levarán a cabo outras medidas para atallar a situación de forma máis "urxente".

Concretamente, trátase dunha batería de 50 propostas, tamén presentadas nestas reunións, "aliñadas co plan e en distintos ámbitos, pero fundamentalmente no sanitario, educativo e xudicial".

O conselleiro citou algunhas, como a poñer ao dispor nos centros de saúde e hospitais de Galicia dos documentos nas dúas linguas, informar o persoal deses sectores de que a lingua de relación cos usuarios debe ser, "preferentemente", o galego, e as microformacións específicas de 10 horas para cada unha das áreas.

"Creo que temos que incentivar o uso do galego desde a parte positiva, desde o convencemento de que todos somos unha parte fundamental nesa mellora do uso social. Creo que temos bastante camiño por percorrer pero, insisto, cada día estou máis convencido de que temos perfectamente identificadas aquelas cuestións que nos poden separar, pero tamén estou totalmente convencido de que son as menos e de que non deben de impedir crear este clima de diálogo", esgrimiu.

Xunta e grupos parlamentarios acordaron tamén continuar mantendo reunións ordinarias e presenciais, ademais do establecemento de canles de comunicación para poder intercambiar información e propostas.

Decreto do plurilingüismo 

Preguntado por como poden afectar as posicións atopadas ao redor da derrogación do Decreto do Plurilingüismo, o responsable de Lingua diferenciou entre este asunto e a renovación do plan xeral.

"Son moitísimas cousas nas que podemos traballar en positivo. A gran maioría das cuestións son coincidentes e podemos avanzar e hai algunhas outras nas que, evidentemente, hai discrepancias", recoñeceu o conselleiro.

Sobre isto, non rexeitou a posibilidade de poñer sobre a mesa unha modificación do decreto, pero si insistiu en que, os grupos que avoguen por esta cuestión, son os que deben presentar unha proposta alternativa que aínda non recibiron.

"Non imos entrar en cuestións semánticas, en cuestións léxicas, sobre derrogación ou modificación. O que si nos gustaría é que, se o BNG introduce ese debate, gustaríanos ter unha proposta. Non imos cambiar un decreto sen saber a proposta alternativa", comentou, apuntando tamén que sería un tema para abordar en conxunto coa comunidade educativa.

"Non son cambios fáciles pero, evidentemente, si estamos dispostos a ver e estudar unha proposta", aseverou.

O deputado do grupo do PPdeG, José Luis Ferro, instou o resto de forzas políticas a "manter o clima de diálogo" en torno ao debate sobre o novo Pacto pola Lingua.

Así o expresou en declaracións aos medios este xoves, tras reunirse co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no Parlamento galego.

Os populares foron os encargados de abrir esta segunda rolda de contactos da Administración autonómica cos grupos parlamentarios a prol de chegar a un novo Pacto pola Lingua.

Segundo explicou Ferro, a Consellería mostroulles distintas iniciativas ás que, apuntou, os populares engadirán o seu "gran de area". Entre elas, a renovación "integral" do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.

"20 anos despois enténdese que hai moitos aspectos que xa non concordan coa realidade e co contexto histórico e temporal da actualidade", conveu o deputado popular.

Doutra banda, Ferro reivindicou a necesidade de manter "ese clima de diálogo, de acordo, de encontro". "Os conflitos, as loitas que ás veces temos nas comisións, en cuestións relativas á lingua, creo que as debemos apartar por un espazo de tempo, mentres empezamos a traballar en serio", instou.

Os nacionalistas ven a proposta da Xunta para o Plan de Normalización pouco "concreta" e lembra que modificar o decreto é unha "demanda social"

A deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Mercedes Queixas, tachou de "insuficiente e inconcreta" a revisión proposta pola Xunta do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Lingua Galega e insistiu na necesidade de "modificar" e "derrogar" o coñecido como Decreto do Plurilingüismo.

Así o expresou en declaracións aos medios este xoves, tras reunirse co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario de xeral de Lingua, Valentín García, na Cámara autonómica.

Para Queixas, falta por concretar que medidas do plan xeral, aprobado en 2004 por unanimidade tal e como lembrou, van desenvolver de maneira inmediata, no curto prazo. "Hai máis de 400 medidas, na súa inmensa maioría sen desenvolver, que se poden implementar desde unha política comprometida co galego", sinalou.

Nesta liña, volveu a pedir un cronograma para saber como se van ir desenvolvendo durante a lexislatura as medidas dun plan que, dixo, debe ser "ambicioso e estar verdadeiramente comprometido, con medidas de reforzo positivo".

Os nacionalistas están tamén "preocupados" porque non haxa un "xesto significativo" de ampliar os orzamentos para este ámbito.

Derrogación do decreto do plurilingüismo  

O BNG, asegurou, acudiu á reunión "cos deberes feitos". Tal e como relatou, días despois da primeira reunión, entregaron ao Goberno galego unha proposta cunha serie de puntos que a formación considera "clave" para "avanzar na normalización lingüística e, sobre todo, reverter a situación de extrema gravidade, de emerxencia lingüística" que reflicten os últimos datos.

Así, afeou que a Administración galega non contestase á súa proposta nin lles achegase tampouco ningún outro documento. Algo que, sinalou, fixeron este xoves.

Avanzou que a estudarán con atención pero lamentou que, ademais da falta de concreción na renovación do plan xeral, non se inclúa a "necesaria modificación" do coñecido como Decreto do Plurilingüismo.

Uns cambios que, destacou, non pide só o BNG, "senón todas as institucións científicas, académicas e estatutarias", que "demostraron" que ese decreto "é unha das razóns principais que explican ese avance no monolingüismo en castelán e, sobre todo, ese retroceso na aprendizaxe e a competencia lingüística en galego".

"Entendemos que é unha necesidade cambiar, modificar, derrogar ese, mal chamado, Decreto do Plurilingüismo. Un auténtico decreto da vergoña que, ao tempo, probou que aquelas voces que dicían que era unha mala vía para avanzar no coñecemento e no uso do galego tiñan razón", afirmou.

Ademais, consideran "fundamental" intervir tamén desde a escola e indican que, "polo momento", non ven que o Partido Popular teña propostas nesa liña.

Así, insistiu en que a modificación do decreto é unha "demanda social" que quedou acreditada na "multitudinaria" manifestación polo galego convocada en Santiago hai algunhas semanas pola plataforma Queremos Galego; "unha demanda e unha esixencia que fan institucións como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega".

Por parte do PSdeG, a deputada Silvia Longueira, mostrou a súa satisfacción porque parece que o Pacto pola Lingua "vai cara adiante" e que as propostas do PPdeG tentan "desactivar a caída en picado da lingua galega".

Con todo, insistiu na necesidade de "consolidar as melloras e as reformas ao redor da lingua" e que teñan "unha perdurabilidade no tempo".

"Non podemos estar a cuestionar, por diferenzas partidistas e políticas, o patrimonio que temos en Galicia", declarou.

Desde Democracia Ourensana, Armando Ojea afirmou que "ve ben" as medidas lanzadas polos populares, pero afirmou que o Decreto do Plurilingüismo, pode ser "unha pataca quente" e que quizais necesita ser modificado nalgúns aspectos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade