Rouban material deportivo e outros bens no campo de Vista Alegre de Boiro
Rouban material deportivo e outros bens no campo de Vista Alegre de Boiro
Levaron botas de fútbol, bebidas, utensilios da cantina, produtos de limpeza e outros bens valorados en máis de 4.000 euros
Calzado deportivo dos equipos de Boiro e outro material particular de futbolistas que se adestran nestas instalacións forman o groso do botín que levaron no roubo cometido o luns de madrugada.
"Rebentaron as portas do almacén, e as das casetas do C. D. Boiro, do feminino das escolas de fútbol. Deixaron danos e roubaron mesmo botas de fútbol, chancletas, cousas que non lle valen para o mercado, pero que para nós ten bastante valor",explica Chuco Otero, concesionario da cantina das instalacións.
A redor dos tres mil cincocentos euros é o importe do material deportivo roubado, segundo nos dixeron na directiva do Boiro. A iso habería que sumar o roubado na caseta do conserxe e os cincocentos euros do que levaron do almacén da cantina entre bebidas e utensilios: "Grellas eléctricas que tiñamos para facer os petiscos, eu que sei... zumes, cousas ilóxicas que tampouco teñen moito valor, pero que a eles si lles serviron", sinala Chuco.
Todo o material carrexárono en colectores ata o exterior onde o cargaron, probablemente nun vehículo con remolque. Movéronse coidando non entrar no radio de alcance da videovixilancia da cantina.
Medida similar prevén instalala no resto deste campo propiedade do Concello de Boiro e que foi obxecto doutro roubo hai dez meses.
"(É algo) custoso para toda a cidadanía que as portas haxa que repoñelas cada dous por tres. Aí atrás leváronnos as duchas, os rapaces non se podían duchar... Aquí (os ladróns) traballan como queren. Desde o Concello trasladáronse que ían poñer alarmas. A ver se é verdade", conclúe Chuco Otero.