Rueda: "A emigración galega no exterior é unha sorte que debemos apoiar"
Rueda: "A emigración galega no exterior é unha sorte que debemos apoiar"
O presidente da Xunta defende a súa viaxe a América Latina fronte "ás críticas dalgúns partidos políticos"
O Xacobeo e a emigración centraron as últimas horas do presidente da Xunta na cidade de Bos Aires. Alfonso Rueda inaugurou a Semana dos Camiños de Santiago no Club español, con ciclos de conferencias, cine e unha exposición que visitou na compaña dos organizadores.
O acto final tivo lugar no barrio das Oliveiras da capital porteña, na sede da asociación cultura e benéfica do partido de Corcubión. Alí mantivo un encontro con 37 representantes de distintas entidades galegas doutros lugares da República Arxentina.
Alfonso Rueda falou de vínculo estreito cos que chama "embaixadores de Galicia no mundo". Tras dous anos de pandemia, manifestou a necesidade de retomar "esa relación impagable".
"Meréceno todo, esta representación e esta potencia que levan facendo dende hai tantísimos anos é unha sorte que ten Galicia. E dende a Administración, temos a obriga de mantela e apoiala. Eu recomendaríalle a todo mundo, incluso a algúns que dende Galicia non entenden este tipo de viaxes, algúns partidos políticos, que viñesen aquí, que estivesen cos galegos de aquí e verían como agradecen que os apoies, que nos lembremos deles e recoñezamos o seu labor".
Ademais, aconsellou a fusión das entidades da emigración máis pequenas "para garantir a supervivencia do seu patrimonio tanxible e intanxible".
A Arxentina é o territorio principal da chamada Galicia exterior, cunha poboación de 183.000 persoas inscritas no padrón de españois residentes no estranxeiro.