Rueda, aos novos cargos: "Sempre hai que tentar mellorar, dígoo tamén por min"
Rueda, aos novos cargos: "Sempre hai que tentar mellorar, dígoo tamén por min"
Hoxe tomaron posesión os catro delegados territoriais, o novo secretario xeral de medios e a nova directora xeral de Asuntos Constitucionais
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deulle a benvida a sete dos novos altos cargos que tomaron posesión este xoves: os catro delegados territoriais e tres altos cargos da Presidencia.
A todos eles trasladoulles a mesma mensaxe que lanzou aos seus conselleiros hai dez días, animándoos a superarse e a mellorar: "Sempre hai que tentar mellorar, dígoo por min e por todo o mundo".
Durante un breve discurso de benvida, nun dos salóns do complexo administrativo de San Caetano, o presidente agradeceu que tanto os novos cargos como os que repiten aceptasen a responsabilidade. Tamén agradeceu ás súas familias, que os acompañaron no acto, que deixasen "por un tempo" aos seus seres queridos á administración, xa que se trata dun traballo moi demandante e esixente.
Sobre os nomeamentos e as recolocacións, Rueda asegurou que "o estilo Galicia" invalida o aforismo que sostén que o que funciona non hai que tocalo, porque no caso galego "ás veces hai que tocalo e trasladalos" (a outros postos), dixo.
Deste xeito explicou que o servizo público demanda "estar en cada momento onde poidas facer mellor un traballo", polo que salvo algunhas persoas que por motivos persoais decidiron non seguir todos os que deixan unha responsabilidade pasarán a ocupar outra.
"No meu caso, ademais, non adoito practicar esa maneira de facer nomeamentos espectaculares que dan que falar e logo esquécense, e que ao día seguinte de ser nomeado hai que traballar e por iso os cargos que nomeei teñen moita experiencia. Algúns, mesmo, decidiron aceptar deixar postos máis cómodos ou menos problemáticos e eu agradézollo".
Rueda tivo palabras específicas para o novo secretario xeral de Medios, Pedro Rojo, de quen destacou que é "un home organizado, afable, con moita visión e intelixencia". Tamén para Isabel Concheiro, a responsable da recentemente creada Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e desenvolvemento lexislativo, unha área "oportuna" e "máis nesta semana", tras o pau do TC ao Goberno pola lei do litoral.
A José Manuel Merelles, que repite á fronte da Axencia de Turismo, lembroulle que "ten moitos retos por diante: Imos ben, pero podemos ir moitísimo mellor".
Tamén tomaron posesión dos seus cargos este xoves catro delegados territoriais: A Coruña, Belén do Campo, que volve ocupar o cargo tras anos na Consellería de Medio Ambiente; Ourense, Manuel Pardo e Lugo, Javier Arias, que repite, do mesmo xeito que a responsable en Ferrol, Martina Aneiros.
Entre outras autoridades, asistiron ao acto o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey.