Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda apela a chegar a acordos para evitar o peche da louseira en Valdeorras

Rueda apela a chegar a acordos para evitar o peche da louseira en Valdeorras

Apelou á "responsabilidade" das comunidades de montes para solucionar o conflito pola importancia de manter empresas e postos de traballo

G24.gal 22/09/2023 12:55

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, demandou este venres a calquera que sexan as partes implicadas "responsabilidade" á hora de chegar a acordos que eviten o desafiuzamento dos terreos nos que se atopa a louseira Samaca de Valdeorras, unha das máis relevantes do sector na comarca.

Estas palabras prodúcense horas antes da manifestación programada para este venres, 22 de setembro, por parte dos afectados, que arrincará esta tarde ás 19.00 horas do pavillón municipal no Barco ata a Casa Grande de Viloira.

Ao preguntarlle sobre este particular, o titular do Executivo galego emprazou ás partes (en especial á comunidade de montes e empresa) a que cheguen a acordos para evitar o desafiuzamento dos traballadores neste conflito, sobre o que pesan pronunciamentos e procedementos xudiciais.

"Galicia non está para perder empresas e postos de traballo", apostilou Rueda, quen deixou claro que "recoñecendo a titularidade" das comunidades de montes sobre os terreos, a prioridade debe ser garantir os postos de traballo nun sector "que é imprescindible".

Advertiu de que "non" lle gustaría que neste momento "se empezase a poñer en cuestión como se está poñendo a permanencia de empresas simplemente porque teñen dificultades para estar nos lugares onde levan asentadas moitísimo tempo; non por razóns ambientais, económicas, senón simplemente por razóns xurídicas" non só nesta empresa, senón tamén noutras do territorio.

Por este motivo, pediu "sentidiño" e responsabilidade ás comunidades de montes a fin de evitar que o conflito "vaia a maiores".

Ao preguntarlle por unha posible mediación da Xunta neste caso, lembrou que o caso é complicado xa que está xudicializado e, polo tanto, aclarou que o Goberno galego "non ten capacidade para decidir". En todo caso, manifestou a disposición da Xunta para axudar na medida do posible no caso de que soliciten a súa intervención.

Recentemente, nun comunicado conxunto os nove alcaldes da comarca trasladaron o seu apoio aos traballadores afectados polo desaloxo da louseira Samaca e o seu apoio ao sector e aos traballadores afectados pola orde de desafiuzamento dos terreos en que se atopa unha das empresas máis relevantes do sector na comarca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade