Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda e Caballero cualifican de "cordial e construtiva" a súa primeira reunión institucional

Rueda e Caballero cualifican de "cordial e construtiva" a súa primeira reunión institucional

O presidente da Xunta e o alcalde de Vigo acordaron desbloquear varias obras da cidade

G24.gal 25/06/2024 17:10 Última actualización 25/06/2024 17:53

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebraron este martes a súa primeira reunión institucional, un encontro que cualificaron de "cordial e construtivo". Rueda e Caballero avanzaron en infraestruturas pendentes para a cidade.

En case dúas horas de reunión, o presidente da Xunta e o alcalde de Vigo chegaron a varios acordos concretos. Comprometéronse a cofinanciar as pistas de atletismo de Balaídos, a desbloquear o proxecto da ETEA para construír un aparcadoiro e urbanizar a zona e a que o Concello sinalice o Camiño de Santiago.

"Esta entrevista cambia o contexto das relacións entre Vigo e a Xunta. Tiven a sensación de que vai en serio e nós desexamos que a Xunta atenda esta cidade", afirmou o alcalde de Vigo.

Alfonso Rueda e Abel Caballero coincidiron en crear grupos de traballo para retomar o túnel de Beiramar, coordinar as políticas de vivenda na cidade e sumar forzas para reclamar as infraestruturas comprometidas polo Goberno central para Vigo.

"Se esta reunión foi un punto de inflexión eu celébroo. Agradezo o ton cordial e construtivo que eu percibín e que ademais ten que corresponderse coa cidade máis poboada de Galicia e que é motor da nosa comunidade autónoma", dixo o presidente da Xunta.

Rueda e Caballero compareceron por separado. O presidente na sede da Xunta, onde se celebrou a reunión, e o alcalde no concello.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade