Rueda reivindica a Xeración 8-M para acadar unha Galicia con igualdade real
Rueda reivindica a Xeración 8-M para acadar unha Galicia con igualdade real
Os sindicatos maioritarios mobilizáronse durante a mañá nun acto previo ás marchas convocadas para estar tarde por parte do movemento feminista
A xente nova foi a protagonista do acto institucional da Xunta para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebrou este venres na Cidade da Cultura, en Santiago. O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, reivindicou o papel clave das novas xeracións para conseguir unha Galicia con igualdade real.
Baixo o lema 'Xeración 8-M, medrando coa igualdade', no acto contaron as súas experiencias a campoia de halterofilia coruñesa Irene Blanco e a cantante do Porriño Xoana; dúas mulleres moi novas que animaron a rachar estereotipos. Durante a cerimonia tamén se entregaron os premios do concurso de carteis escolares que convoca dende hai anos a Xunta con motivo do 8-M.
Na súa intervención o presidente en funcións, Alfonso Rueda, defendeu que as administracións deben investir para acabar coa fenda salarial e as profesións masculinizadas e para seguir avanzando cara a unha Galicia con igualdade real entre homes e mulleres. "Avanzamos moito, pero aínda queda camiño por percorrer", dixo Rueda.
Mobilizacións sindicais
Os sindicatos UXT e Comisións Obreiras celebraron un acto conxunto na Coruña. Fixeron unha ofrenda floral e leron un manifesto no que reiteraron o seu compromiso para acadar unha igualdade efectiva entre homes e mulleres.
A CIG convocou as súas manifestacións á marxe das outras forzas sindicais. Vigo acolleu unha das máis numerosas, na que reclamaron melloras laborais para as mulleres. Tamén fixeron unha convocatoria de folga de 24 horas para esta xornada.