Rueda reivindica que dous terzos das medidas do seu programa están en marcha no aniversario da súa maioría
Rueda reivindica que dous terzos das medidas do seu programa están en marcha no aniversario da súa maioría
Os populares galegos reúnen 2.500 persoas nun acto celebrado en Santiago de Compostela para celebrar o aniversario da maioría absoluta de Rueda
O presidente galego reivindicou o seu estilo de gobernar: humilde, inconformista e ambicioso, dixo
Feijóo presume de sucesor e di que a maioría absoluta de Rueda "será a primeira doutras moitas"
O Partido Popular de Galicia reuniu 2.500 persoas no Multiúsos do Sar de Santiago de Compostela para celebrar que o 18 de febreiro do ano pasado Alfonso Rueda revalidaba a maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo, que este sábado estivo arroupando o presidente da Xunta.
Baixo o lema "Galicia Goberna", os populares celebran a primeira maioría absoluta de Rueda, que hai un ano conseguía máis de 711 mil votos e 40 escanos, o que o converteu no presidente autonómico con máis apoios. Rueda reivindicou o seu estilo de gobernar: humilde, inconformista e ambicioso, dixo.
O presidente galego presumiu de ter en marcha dous terzos das medidas do programa electoral e prometeu traballar por unha Galicia de todos, con igualdade de oportunidades e avanzando na autonomía dentro do Estatuto e da Constitución. Díxoo cando se cumpre un ano dunha vitoria que debe servir, dixo, para derrubar as fronteiras utópicas que levanta o nacionalismo e os muros dun Pedro Sánchez que non dá, afirmou, nada a Galicia.
O presidente da Xunta reivindicou "o estilo Galicia", que é, explicou, máis cumprir a palabra dada, e de convencer máis que de impoñer.
Feijóo cualificou o PPdeG de máquina política, á que ollan todos os partidos, e auguroulle máis vitorias electorais a Rueda. O líder dos populares galegos reivindicou a política útil que se fai en Galicia e da que debería aprender, dixo, o Goberno de España.
Alberto Núñez Feijóo acusou a Pedro Sánchez de ser cómplice das decisións internacionais que prexudican a España e comprometeuse a mellorar a política exterior se chega á Moncloa.
Na súa intervención nesta celebración da vitoria electoral do PP en Galicia, Feijóo asegurou que el non lles faltará ao respecto aos presidentes de países democráticos pero, engadiu, tampouco será dos que calan cando os sectores produtivos españois estean en perigo. O líder da oposición pediulle a Sánchez que defenda a industria e o agro e non os seus intereses persoais.
Unha enquisa sinala que o PPdeG repetiría hoxe os 40 escanos
Este encontro dos populares galegos celébrase xusto o día en que coñecemos unha nova enquisa de Sondaxe, publicada por La Voz de Galicia. Pronostica que Alfonso Rueda volvería proclamarse presidente da Xunta un ano despois da súa primeira maioría.
Segundo esta enquisa, se se celebrasen hoxe eleccións en Galicia, o PPdeG sufriría un lixeiro retroceso de algo máis dun punto no número de votos, que non afectaría ao numero de escanos. Os populares conseguirían o 45,8 por cento dos votos que consolidarían os 40 escanos conseguidos en 2024. O BNG quedaría en 24, perdería un escano que recollerían os socialistas galegos, que pasarían de 9 a 10 deputados. Nin Vox nin Sumar entrarían no parlamento galego.

Na mesma enquisa de Sondaxe apuntan a que se se celebrasen unhas eleccións xerais o Partido Popular de Galicia obtería 14 escanos no Congreso, un máis que en 2023, e dobraría o Partido Socialista que acadaría 7 deputados. O Bloque Nacionalista Galego conseguiría dous escanos, un máis, e Sumar desaparecería. Perdería os dous representantes galegos no Congreso, un deles o que acadara en 2023 Yolanda Díaz pola provincia de Pontevedra