Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia celebra a segunda xornada das eleccións presidenciais

Rusia celebra a segunda xornada das eleccións presidenciais

Putin acusou a Ucraína de tentar torpedear a súa reelección con ataques e incursións fronteirizas

Seguidores do líder opositor Navalni chamaron a Occidente a non recoñecer os resultados 

Unha muller vota nun colexio electoral
G24.gal 16/03/2024 08:14 Última actualización 16/03/2024 13:51

Rusia celebra este sábado a segunda xornada das eleccións presidenciais nas que o venres participou case un terzo da poboación chamada ás urnas (o censo supera os 112 millóns de persoas).

Segundo a Comisión Electoral Central (CEC), máis dun 30 % exerceu na véspera o seu dereito ao sufraxio, ao que hai sumar os 2,6 millóns que votaron por adiantado por mor da guerra en Ucraína.

O venres varias persoas foron detidas por asperxer tinta, pintura e antiséptico en urnas, ou lanzar cócteis mólotov contra colexios electorais. Ademais, o presidente ruso, Vladimir Putin, acusou a Ucraína de tentar torpedear a súa reelección con ataques e incursións fronteirizas.

"Co fin de torpedear as eleccións, atemorizar a xente, en varias rexións fronteirizas con Ucraína, o réxime neonazi de Kíiv planeou e tenta executar accións militares demostrativas (...) Estes ataques inimigos non poden quedar e non quedarán impunes", afirmou ao presidir por videoconferencia unha xuntanza do Consello de Seguridade de Rusia.

Polo menos dous civís rusos morreron no ataque perpetrado con 15 mísiles Vampire contra Bélgorod. Ocorreu despois de que Moscova atacara unha zona residencial da cidade ucraína de Odesa, cun saldo de 14 persoas mortas e 46 feridas.

Putin durante a xuntanza do Consello de Seguridade de Rusia Putin durante a xuntanza do Consello de Seguridade de Rusia

Putin, de 71 anos, votou a véspera desde o seu despacho nun intento de promover o voto electrónico, considerado fraudulento pola oposición.

Segundo as sondaxes oficiais, Putin conta cunha intención de voto de máis do 80 %, polo que podería lograr a súa vitoria electoral máis folgada desde que chegara ao poder no ano 2000.

O representante da partido Xente Nova, Vladislav Davankov, e o comunista Nikolái Jaritónov contan co 6 % dos apoios entre as persoas enquisadas. O ultranacionalista Leonid Slutski roza o 5 % de apoios.

Imaxe dun colexio electoral Imaxe dun colexio electoral

Parte da oposición ao Kremlin decidiu apoiar a Davankov, cunha posición ambigua sobre a guerra. Outra parte chamou a acudir ao mediodái do domingo aos colexios na acción coñecida como "Mediodía sen Putin". A Fiscalía rusa ameazou con abrirlles expedientes penais.

Uns 4,5 millóns de persoas poden votar nas zonas ocupadas polo exército ruso nas catro rexións ucraínas anexionadas por Moscova (Donetsk, Lugansk, Jersón e Zaporiyia).

Tras a morte en prisión do líder opositor ruso, Alexéi Navalni, os seus correlixionarios -que responsabilizan directamente a Putin- chamaron a Occidente a non recoñecer os resultados electorais.

Vladimir Putin votando no seu despacho Vladimir Putin votando no seu despacho
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade