Rusia deixará de fornecer cru a Europa este ano por limitarlle o prezo
Rusia deixará de fornecer cru a Europa este ano por limitarlle o prezo
Responde así á decisión dos 27 de limitar o prezo do seu cru por invadir Ucraína
Europa vivirá sen petróleo ruso. Moscova non lles subministrará cru aos países que limiten o seu prezo. Son palabras do embaixador ruso ante os organismos internacionais, logo de que os 27 fixaran en 60 dólares o prezo do barril, como parte das sancións a Mosvoca por agredir Ucraína.
O Kremlin esixe manter o territorio que deu por anexionado para negociar a paz. Este sábado asinou con Belarús un protocolo de defensa conxunta. O presidente deste país socio de Moscova culpou a Ucraína e a Occidente de non estaren listos para o diálogo.
Con todo, o presidente de Francia cre que hai que estudar como garantirlle a Putin o respecto ás súas fronteiras para cando regrese á mesa de negociación.
Parte de guerra
Entrementres, a guerra segue. Na fronte leste, Rusia concentra os seus esforzos en capturar Bakhmut, un no de comunicación importante para chegar a cidades como Kramatorsk. De momento, non están facendo moitos avances porque a resistencia ucraína é forte.
Na fronte sur, Kíiv continúa recuperando terreo. Forzou os soldados do Kremlin a retirarse de varias localidades próximas a Zarorijia.
Zelenski explicou que están buscando apoios internacionais para que a invasión rusa sexa xulgada por un tribunal especial e mostrouse convencido de que se fará xustiza.