Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia realiza manobras militares e ensaia un lanzamento nuclear masivo

Rusia realiza manobras militares e ensaia un lanzamento nuclear masivo

Rusia comunicou que fixo un simulacro de "lanzamento nuclear masivo por parte das forzas estratéxicas ofensivas en resposta a un ataque nuclear inimigo"

O Pentágono comunicou este martes que Rusia informara os EUA sobre os seus plans, que coinciden cos exercicios nucleares da OTAN

G24.gal 26/10/2022 14:36 Última actualización 26/10/2022 21:14

Rusia efectuou hoxe as manobras das súas forzas nucleares estratéxicas "Grom" (Trono). As manobras estiveron presididas por videoconferencia polo presidente ruso, Vladímir Putin.

Desde o inicio da campaña militar rusa en Ucraína en febreiro, é a primeira vez que Rusia realiza, durante un exercicios militares, un simulacro de "lanzamento nuclear masivo por parte das forzas estratéxicas ofensivas en resposta a un ataque nuclear inimigo", segundo informou o ministro de Defensa ruso, Serguéi Shoigú.

Shoigú, que se dirixiu a Putin como "camarada" e comandante en xefe das Forzas Armadas, informou en todo momento o presidente sobre a marcha das manobras, que apenas duraron uns minutos.

As forzas estratéxicas rusas lanzaron mísiles balísticos e de cruceiro desde o submarino atómico Tula, dous bombardeiros estratéxicos Tu-95MC e sistemas de mísiles intercontinentais móbiles de emprazamento terrestre Yars, que foron disparados desde o cosmódromo de Plesetsk.

Tamén se lanzaron mísiles balísticos Sineva desde o mar de Barents, no norte da parte europea de Rusia, ata o polígono de Kura, na península de Kamchatka, bañada polo Océano Pacífico.

"Os obxectivos previstos durante os exercicios das forzas estratéxicas de contención foron cumpridas na súa totalidade. Todos os mísiles alcanzaron os seus obxectivos", informou o Kremlin nun comunicado.

Os exercicios "Grom" teñen por obxectivo comprobar o nivel de preparación dos centros de mando das forzas nucleares, precisou.

O Pentágono xa comunicara este martes que Rusia informara os EUA sobre os seus plans, que coinciden cos exercicios nucleares da OTAN, chamados Steadfast Noon (Mediodía Inalterable) e que se veñen realizando cada ano desde hai unha década.

Así o sinalou en declaracións á prensa o portavoz do Departamento de Defensa de EE.UU., xeral Pat Ryder, que explicou que "Rusia está a cumprir coas súas obrigacións para o control de armas e os compromisos de transparencia con estas notificacións".

Cinco días antes do inicio da "operación militar especial", Putin presidiu exercicios das forzas nucleares co emprego de armamento hipersónico, que o Kremlin considera capaz de burlar calquera escudo antimísiles.

Ademais, o 27 de febreiro o xefe do Kremlin puxo en alerta as súas forzas de disuasión nuclear, o que disparou a preocupación en Ucraína e Occidente sobre un posible uso de armas nucleares.

Despois de ofrecer a Occidente unha moratoria á despregadura de mísiles en Europa, o Kremlin avisou que se os EUA emprazaban armamento ofensivo no continente, Rusia apuntaría cos seus mísiles a territorio estadounidense.

Recentemente, Putin advertiu que Rusia utilizará todo o arsenal no seu poder para defender a súa integridade territorial e a das catro rexións ucraínas anexionadas: Donetsk, Luhansk, Khersón e Zaporijia. EFE

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade