Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez agradécelles ás tropas no exterior a súa "entrega" e "valentía"

Sánchez agradécelles ás tropas no exterior a súa "entrega" e "valentía"

Na tradicional mensaxe de Noiteboa, anunciou unha viaxe á misión española en Iraq o 27 e 28 de decembro

Lembrou os 175 militares, homes e mulleres, que deron a súa vida en 34 anos de misións no estranxeiro

O presidente do Goberno durante a videoconferencia. EFE/Presidencia do Goberno
G24.gal 24/12/2023 11:30 Última actualización 24/12/2023 12:45

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, agradeceulles aos 12.054 militares despregados no exterior a súa "entrega, profesionalidade e actitude valente", cunha mención especial ao continxente español despregado no sur do Líbano.

Na súa tradicional mensaxe de Noiteboa, acompañado pola ministra de Defensa, Margarita Robles, e do xefe de Estado Maior da Defensa (XEMAD), Teodoro López, felicitou o Nadal ás tropas presentes en misións despregadas en países como Líbano, Iraq, Colombia, Bosnia, Turquía, Senegal, Mozambique, Somalia, Xibutí, Mali, Romanía, Letonia ou a Antártida.

No marco do 75 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, salientou que a "profesionalidade, entrega e actitude valente" dos militares españois "son un motivo de orgullo e de admiración" para a sociedade española.

Por iso aproveitou o discurso para "expresar no conxunto da sociedade española" a gratitude polo labor que desempeñan "en aras da estabilidade mundial e da paz" así como traballando "pola seguridade de España".

Guerra en Ucraína e Gaza

O líder do Executivo lembrou que este ano conclúe "cun mundo envolto en numerosos conflitos", con mención especial ao "brutal conflito" de "morte, sufrimento e destrución", en Ucraína, país ao que trasladou o "firme apoio de España", que "acudiu ao reclamo da paz para protexer o espazo europeo" en países como Letonia, Estonia e Romanía.

Tamén destacou o conflito en Gaza que -dixo- "conmocionou as nosas vidas e as nosas conciencias", que comezou o 7 de outubro "cun dos máis crueis atentados da nosa historia recente" perpetrado por Hamas, "cuxa resposta por parte do Goberno de Israel está a provocar un sufrimento inaceptable e insoportable que a comunidade internacional debe deter de forma inmediata".

Misión da ONU no Líbano

Neste sentido, trasladou o seu "apoio e recoñecemento" á misión da ONU no Líbano liderada por España e "moi especialmente ao continxente español que cumpre a misión, a pesar das duras condicións que supón o cruzamento de ataques na zona".

Tras enumerar as misións dos continxentes españois no estranxeiro, o presidente do Goberno puxo en valor o "esforzo colosal e formidable" dos militares cuxa "valía, abnegación e bo facer" subliñan o "compromiso de España coa paz mundial".

O xefe do Executivo, que anunciou "dentro duns días" unha viaxe a unha misión española no exterior, que será o 27 e 28 de decembro a Iraq, finalizou a súa mensaxe lembrando os 175 militares homes e mulleres que deron a súa vida en 34 anos de misións no exterior.

"Manteremos o seu legado e honraremos sempre a súa memoria".

Ministra de Defensa

Pola súa banda, a ministra agradeceulles a "dedicación e entrega" no seu traballo "deixando tan alto o pavillón español" sempre "con vontade de servizo e preto da cidadanía".

"Sodes unha das mellores representacións e un orgullo para todos nós", engadiu.

Desde distintos puntos do mundo participaron os xefes de continxentes españois no exterior que deron conta da situación das súas tropas e como viven nas súas misións estas datas.

Un momento da videoconferencia. EFE/Presidencia do Goberno Un momento da videoconferencia. EFE/Presidencia do Goberno
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade