Sánchez, convencido de que a denuncia contra a súa muller se arquivará pero que o acoso contra eles seguirá
Sánchez, convencido de que a denuncia contra a súa muller se arquivará pero que o acoso contra eles seguirá
Sánchez, convencido de que a denuncia contra a súa muller se arquivará pero que o acoso contra eles seguirá
O presidente recoñece que outros políticos da esquerda sufriron este "acoso" e fai autocrítica dicindo que debeu actuar antes
O presidente do Goberno Pedro Sánchez fai un chamamento a loitar contra o acoso, as loias, a desinformación e os insultos na política.
Foi nunha entrevista en TVE tras anunciar este luns que segue no cargo tras cinco días de reflexión motivados pola denuncia contra a súa muller Begoña Gómez.
Sánchez di que situacións como as que está vivindo a súa familia as viviron antes outros políticos, como os dirixentes de Podemos, Ada Colau, Mónica Oltra... e que quizais el non soubo reaccionar a tempo para facer unha chamada de atención sobre estes comportamentos.
O presidente cre que este tipo de situacións se producen cando goberna a esquerda, porque os partidos de dereita seguen sen recoñecer o goberno socialista como democrático.
Neste sentido, Sánchez dixo este luns que vai falar co líder do PP Alberto Núñez Feijóo e co resto de deputados e líderes da oposición no Congreso sobre a situación da democracia, aínda que dixo que está convencido de que a "persecución" e o "acoso" contra el se van "redobrar".
"Cos deputados, líderes parlamentarios da oposición, por suposto que si, vou falar con todos eles (...) pero escoitando a Feijóo sei por onde vai ir. Estou convencido de que esta persecución, este acoso, vai redobrarse, non vai parar", afirmou.
Sánchez criticou ademais que a dereita o presente como o "inimigo da democracia".
O presidente di que a denuncia contra a súa muller se arquivará "porque non hai causa"
Pedro Sánchez está convencido de que a oposición os citará para comparecer a el e á súa muller na comisión de investigación do Senado sobre o caso Koldo e dixo que irán e darán as súas explicacións.
"Estou convencido de que á miña esposa e a min por este tema nos van chamar á comisión do Senado. Iremos, explicaremos o que teñamos que explicar, pero isto probará que ao final estamos nunha oposición destrutiva que non dá a batalla das ideas, das propostas".
O presidente expresou a súa confianza na Xustiza e na separación de poderes e mostrouse convencido tamén de que a denuncia contra a súa muller se arquivará porque non hai causa.