Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez decide non presentar orzamentos para este ano tras o adianto electoral en Cataluña

Sánchez decide non presentar orzamentos para este ano tras o adianto electoral en Cataluña

No Goberno recoñecen que a celebración dos comicios podía dificultar a negociación das contas

G24.gal 13/03/2024 21:06 Última actualización 13/03/2024 21:45

O presidente do Goberno Pedro Sánchez decidiu non presentar o proxecto de lei de orzamentos do Estado para este ano, despois do adianto electoral en Cataluña, e traballar para presentar as contas do Estado de 2025.

Antes de transcender a decisión de Sánchez,  a vicepresidenta primeira do Executivo María Jesús Montero xa avanzara esta posibilidade ao recoñecer que o adianto das eleccións catalás alteraba o taboleiro político e podía supoñer que non houbese unhas novas contas do Estado este ano. Sánchez apostou por un atraso duns meses no diálogo cos grupos para lograr xa que poidan saír adiante os de 2025.

As fontes do Goberno aseguraron que o feito de que non haxa presupostos non afecta para nada á estabilidade da lexislatura e á determinación de Sánchez de esgotala e que se estenda por tanto ata 2027.

Fondos europeos

A renuncia aos orzamentos de 2024 supón que Facenda terá que aclarar como vai presupostar os 9.905 millóns de fondos europeos previstos para este ano, tal e como avanzaron na presentación do teito de gasto.

Tamén está á espera unha eventual revalorización do indicador público de renda para efectos múltiples (IPREM), que serve para calcular diferentes axudas e prestacións e actualmente está en 600 euros, e o anunciado axuste do IRPF para evitar que quen cobre o salario mínimo ou menos teña que pagar o imposto.

Así mesmo, quedan pendentes algúns dos compromisos económicos adquiridos durante as negociacións de investidura cos diferentes grupos parlamentarios, que se ían materializar nos presupostos pero que poderían articularse noutro tipo de normas.

Pensións e salarios dos funcionarios

Outras materias que adoitan figurar nos orzamentos xa están resoltas, como as pensións ou o soldo dos empregados públicos. En xaneiro comezou a aplicarse a subida do 3,8 % das pensións, do 6,9 % para as mínimas e non contributivas e do 14,1 % para as de viuvez con cargas familiares ao equipararse á pensión mínima de xubilación con cónxuxe a cargo.

Tamén subiu o ingreso mínimo vital (nun 6,9 %, ata os 604,38 euros mensuais) e a nova base máxima de cotización (un 5 %, ata os 4.720,5 euros mensuais).

Esta mesma semana, o Goberno explicou que a subida salarial pactada cos empregados públicos para este ano, do 2 %, se aprobará como emenda á lei de medidas antiinflación, actualmente en tramitación no Congreso.

A prórroga dos orzamentos de 2023, en vigor desde o 1 de xaneiro, é a novena da democracia, tras as de 1979, 1983, 1996, 2012, 2017, 2018, 2019 e 2020, e non é a primeira vez que unhas contas prorrogadas se manteñen durante todo o exercicio.

As contas de 2018, elaboradas por un Goberno do PP e aprobadas xa co PSOE no poder, tras a moción de censura, prorrogáronse dous anos consecutivos, algo que non ocorrera nunca ata entón, e estiveron vixentes ata o 31 de decembro de 2020.

En dúas ocasións (1995 e 2019) a convocatoria de eleccións anticipadas foi consecuencia do rexeitamento por parte do Congreso das contas do Estado, unha situación en que se dá por acabada a lexislatura para o Goberno correspondente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade