Sánchez di que o acordo con Marrocos garante a soberanía territorial de ambos os países
Sánchez di que o acordo con Marrocos garante a soberanía territorial de ambos os países
O presidente do Goberno defende que a nova postura española segue o camiño que tamén tomaron países como Francia ou Alemaña
Albares asegura que España "non abandonará" os saharauís
O Goberno di que "España ten que ser actor e deixar de ser espectador co Sáhara"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, garantiu que o recente acordo ao que chegou con Marrocos sobre o futuro do Sáhara Occidental garante a soberanía territorial de ambos os países e senta as bases para unha relación "moito máis sólida" en seguridade e inmigración.
Así o expresou Sánchez nunha comparecencia de prensa en Ceuta, cidade que visita este mércores xunto a Melilla tras o xiro da posición española sobre o Sáhara.
Pedro Sánchez asegurou que seguiu a posición doutros países europeos sobre o apoio do plan marroquí para o Sáhara, como Francia e Alemaña, pero non aclarou si ten garantías de Marrocos sobre Ceuta e Melilla.
O xefe do Executivo xustificou as súas decisións en que a situación con Marrocos era insostible e había que resolvela xa. Argumentou que na nova postura sobre o Sáhara "o Goberno seguiu a posición que tamén manifestaron outras nacións moi potentes da Unión Europea como Francia e Alemaña". Alegou, neste sentido, que a propia Comisión apoiou a nova posición de España respecto á excolonia.
"Non deixa de ser unha das propostas recollida nas resolucións de ONU", remachou.
En calquera caso, Sánchez considera que ao cabo se recoñece que teñen que ser as partes afectadas neste conflito as que acorden a solución.
Acompañado polo presidente da cidade autónoma de Ceuta, Juan Jesús Vivas, o xefe do Executivo explicou que desde que visitou a cidade fai dez meses, coincidindo coa crise migratoria, "fíxose un traballo silencioso con Marrocos que permitiu un acordo extraordinario e equilibrado para ambas as partes".
O que non aclarou Sánchez foi se esa garantía sobre a soberanía territorial se podía interpretar como un recoñecemento da españolidade de Ceuta e Melilla por parte de Marrocos, e se reciprocamente España admite que o Sáhara é territorio marroquí.
Lembrou que a relación con Marrocos transcende a seguridade dos fluxos migratorios porque tamén é un dos principais socios comerciais de España e un aliado "primordial para a estabilidade e o progreso".
Non cre Sánchez que este acordo con Marrocos poida afectar a relación de España con Alxeria, un dos principais subministradores de gas a España e que, insistiu, seguirá sendo un "socio estratéxico".
Reapertura das fronteiras con Marrocos
Xa pola tarde, na cidade autónoma de Melilla, Pedro Sánchez dixo que confiaba en que as fronteiras das dúas cidades norteafricanas con Marrocos, tanto a de Ceuta como a de Melilla, se poidan abrir pronto, tras o acordo alcanzado.
Sánchez explicou que o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, viaxará proximamente a Rabat e será nesa visita cando se inicie a "normalización" da relación fronteiriza, comercial e de cooperación entre ambos os países.
Palabras de Sánchez xusto cando transcende o contido íntegro da carta que lle enviou a Mohamed VI. A misiva ten data do 14 de marzo. Nela o presidente repite ata en tres ocasións a súa intención de inaugurar unha nova relación con Marrocos.
O parágrafo clave recoñece a importancia da cuestión do Sáhara Occidental e considera a proposta de Rabat a base "máis seria, crible e realista" para solucionala; e pide respectar a integridade territorial dos dous países, sen mencionar Ceuta e Melilla.