Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez e Scholz presidirán na Coruña o cumio hispano-alemán de outubro

Sánchez e Scholz presidirán na Coruña o cumio hispano-alemán de outubro

A cita sería os días 5 e 6, tal como pactaron no seu último encontro en Alemaña

G24.gal 07/09/2022 12:53

O presidente do Goberno Pedro Sánchez e o chanceler alemán Olaf Scholz presidirán os próximos días 5 e 6 de outubro na Coruña o cumio hispano-alemán, unha reunión bilateral que levaba sen celebrarse sete anos.

Os gobernos de ambos os países viñeron traballando nos últimos meses para concretar ese encontro bilateral, e Sánchez e Scholz ratificaron na súa reunión da pasada semana en Meseberg que a cita sería os días 5 e 6 de outubro en España.

Estes encontros entre os dous países volven a Galicia despois de que Santiago de Compostela os acollese en agosto de 2014.

O groso da axenda do cumio concentrarase na xornada do mércores 5 de outubro, aínda que se estenderá ata o día seguinte, cando Sánchez e Scholz deberán viaxar a Praga para participar nunha reunión informal dos xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea.

Na axenda do cumio estarán presentes precisamente os asuntos que se debaterán nesa reunión do Consello Europeo e diversas cuestións das relacións bilaterais e desafíos que teñen os dous países, Europa e toda a comunidade internacional ante as consecuencias da guerra en Ucraína.

Sánchez e Scholz, que estarán acompañados por varios ministros dos seus respectivos gobernos, terán oportunidade de analizar en concreto a situación da crise enerxética. O chanceler alemán apoiou a pasada semana ante Sánchez a aspiración española de impulsar a conexión gasística con Francia polos Pireneos (o denominado MidCat), pero o presidente francés Emmanuel Macron mantén a súa oposición a ese proxecto. 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, amosou a súa satisfacción pola elección da cidade para esta cita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade