Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez esíxelle a Milei que "rectifique"

Sánchez esíxelle a Milei que "rectifique"

O ministro de Exteriores español convocou este luns o embaixador arxentino no noso país

O líder do PP cre que o presidente "non está para dar leccións de diplomacia tendo en conta que o seu goberno empezou todo isto"

G24.gal 20/05/2024 14:49

Tras chamar a consultas a embaixadora de España na Arxentina, o ministro de Exteriores convocou este luns o embaixador arxentino no noso país.

As relacións diplomáticas penden dun fío tras a intervención de Milei esta fin de semana en Madrid, en que cualificou de "calaña" o presidente Pedro Sánchez e de "corrupta" a súa muller, Begoña Gómez.

Pedro Sánchez cre que Milei "non estivo á altura" do seu cargo e esíxelle unha "rectificación pública". "A resposta do Goberno de España será acorde á dignidade que representa a democracia española e aos lazos de irmandade que unen España e A Arxentina", asegurou o xefe do executivo. Na súa opinión, "entre os gobernos os afectos son libres pero o respecto é irrenunciable".

Pero Milei non semella disposto a desculparse ante o que cualifica de "onda de bágoas socialistas".

O seu ministro do Interior, Guillermo Francos, dixo en medios arxentinos que "non sinte que teña que pedir ningunha desculpa".

Cren, pola contra, que é o Goberno español o que se ten que desculpar por declaracións como a do ministro de Transportes acusando a Milei de drogarse.

O socio minoritario, Sumar, apoia o PSOE neste asunto, e Yolanda Díaz critica os empresarios españois por reunirse o sábado con Javier Milei.

Varias grandes empresas, a patronal española e tamén sindicatos como UXT condenaron este luns as palabras de Milei. Nunha entrevista na Cadena Ser, Antonio Garamendi, asegurou que a CEOE "rexeita profundamente unhas declaracións fóra de ton".

Pola súa banda, o líder do Partido Popular rexeita a actitude tanto de Milei como de Pedro Sánchez. Alberto Núñez Feijóo cre que  "Sánchez non está para dar leccións de diplomacia tendo en conta que o seu goberno empezou todo isto facendo exactamente o mesmo que hoxe denuncia, cunha sobreactuación, por certo, absolutamente impropia".

O presidente dos populares reivindica, ademais, a moderación fronte á "escalada verbal" dos protagonistas deste conflito diplomático.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade