Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez pediralle á UE máis ambición nas medidas para baixar o prezo da luz

Sánchez pediralle á UE máis ambición nas medidas para baixar o prezo da luz

Bruxelas acolle ata o martes o cume extraordinario de xefes de Estado e de Goberno comunitarios

Pedro Sánchez con António Costa en Moncloa. EFE/ Sergio Pérez Pedro Sánchez con António Costa en Moncloa. EFE/ Sergio Pérez
G24.gal 29/05/2022 19:17

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reclamará no Consello Europeo, que comeza este luns en Bruxelas, máis ambición nas medidas para reformar o mercado eléctrico e lograr reducir a factura da luz.

A capital belga acolle ata o vindeiro martes o cume extraordinario dos xefes de Estado e de Goberno comunitarios para abordar, entre outros asuntos, a situación enerxética en Europa e a evolución da invasión de Ucraína.

O xefe do executivo vai chegar a media tarde, logo de participar no acto que presidirá o Rei no Teatro Real de Madrid co gallo do 40 aniversario do ingreso de España na OTAN, e no xantar que posteriormente ofrecerá o monarca.

Mentres, estará representado na xuntanza europea polo primeiro ministro portugués, António Costa, co que se reuniu na Moncloa o xoves pasado. Será a primeira vez que ocorra dende que Sánchez chegou á presidencia.

Segundo fontes do Goberno, insistirá na importancia de seguir mantendo a unidade no apoio a Ucraína e no rexeitamento a Vladimir Putin. Tamén reclamará avances para rebaixar o prezo da luz.

Excepción ibérica

España e Portugal conseguiron na última cita comunitaria, celebrada no mes de marzo, que se permitira a denominada "excepción ibérica" pola condición de illa enerxética da Península, co fin de fixar un tope ao prezo do gas que se utiliza para xerar electricidade.

Porén, a súa aplicación está pendente do visto e prace definitivo da Comisión Europea. España confía en que chegue axiña para que a súa posta en marcha permita baixar de xeito inmediato a factura eléctrica.

Con todo, o presidente do Goberno exporalle ao resto de líderes a necesidade de ter ambición para acordar medidas a medio e longo prazo. Entre elas, a reforma que vén reclamando do mercado da electricidade que cada vez conta con máis adeptos entre os socios comunitarios.

Foro de Davos

No Foro Económico Mundial de Davos, que se celebrou a semana pasada, Sánchez defendeu aumentar a cota de enerxías renovables, acelerar as compras conxuntas de gas, diversificar os provedores e actualizar e modernizar as regras do mercado europeo da electricidade.

Os líderes europeos reuniranse de novo en Bruxelas o 23 e o 24 de xuño no habitual Consello Europeo de verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade