Sánchez reivindica o seu "paso á fronte" e un Goberno limpo malia os ataques
Sánchez reivindica o seu "paso á fronte" e un Goberno limpo malia os ataques
No discurso de clausura do 41 Congreso Federal, chamou o PSOE a gañar de novo as eleccións no 2027
Sánchez anuncia a creación dunha empresa pública para construír vivenda
Aposta pola continuidade con Montero e Cerdán á fronte da nova executiva aprobada co 90 % dos apoios
O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, foi proclamado de novo líder dos socialistas no 41 Congreso Federal do partido celebrado en Sevilla.
Durante o discurso de clausura, reivindicou o "paso á fronte" que deu malia o odio e os ataques contra el e a súa formación. Tamén defendeu o seu Goberno "limpo", acosado "con loiadas" por "terra, mar e aire".
Segundo dixo, nos últimos meses meditou "moito" que facer coa súa vida, pero decidiu continuar porque, na situación actual, o que toca é dar "un paso á fronte, non un paso a un lado nin un paso atrás". Asegurou, ademais, que ten máis ganas, ilusión e forza ca nunca.
"É unha inmensa honra ser, de novo, o secretario xeral do Partido Socialista Obreiro Español", sinalou ante máis de 7.000 asistentes á última xornada do congreso.
Sánchez insistiu en que é no BOE onde se planta cara á dereita e á ultradereita.
"Fixémolo en 2019, volvemos facelo en 2023 e ímolo volver facer en 2027, cun novo mandato progresista de España para culminar unha década de avances sociais que necesita o noso país", garantiu entre aplausos.
Nesta mesma liña, denunciou as agresións verbais "e mesmo físicas" que sufriron os socialistas nos últimos meses e os ataques ás sedes socialistas en distintos puntos de España, ás que sempre responderon con "temperanza e dignidade", segundo remarcou.