Sánchez aprobará unha lei para obrigar á paridade no consello de ministros
Sánchez aprobará unha lei para obrigar á paridade no consello de ministros
O presidente do Goberno considérase un firme defensor do sistema de cotas
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez anunciou que o vindeiro martes o consello de ministros aprobará a tramitación da lei de representación paritaria de mulleres e homes en órganos de decisión que afecta ao seu propio gabinete.
Pedro Sánchez fixo o anuncio nun acto para conmemorar o Día Internacional da Muller, a catro días do 8-M, que se celebrou no Pavillón de Convencións da Casa de Campo e ao que asistiron un milleiro de persoas.
Con esta norma, o executivo lanza a "mensaxe clara" de que non se vai dar "nin un paso atrás" na defensa da igualdade. Segundo cifras facilitadas polo PSOE, nestes momentos o 44 % de escanos no Congreso e o 39 % no Senado están ocupados por mulleres.
Os socialistas consideran que a nova lei, que inclúe listas cremalleira cunha alternancia total, garante a paridade, Goberne quen goberne en España, ao non depender da sensibilidade política de quen estea á fronte do executivo.
Dirección de empresas
Tamén establece que a dirección de calquera empresa cotizada ou entidade de interese público con máis de 250 traballadores e 50 millóns de volume de negocio anual terá que ter un 40 % de mulleres.
Tampouco ningunha xunta de goberno dos colexios profesionais deberá ter menos dun 40 % de mulleres á fronte, a mesma porcentaxe que deberán ter os xurados que concedan premios ou recoñecementos financiados con diñeiro público.
Sistema de cotas
Pedro Sánchez mostrouse un firme defensor do sistema de cotas, algo que -dixo- "molesta moito á dereita", ao lembrar que cando hai dez anos se empezou a impulsar este tipo de propostas, na media europea só un 13 % de mulleres formaban parte dos consellos de dirección.
Agora, en España, coas políticas promovidas polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, apuntou Sánchez, superouse o 30 % tanto nas empresas públicas coma privadas.
En cambio, naqueles países que non fixeron nada por fomentar a igualdade pasouse do 13 ao 16 %, avanzando tan só tres puntos, subliñou o xefe do executivo ao apostar por esta nova iniciativa.