Publicador de contidos
Publicador de contidos

Scholz, partidario dun gasoduto desde Portugal a través de España e Francia

Scholz, partidario dun gasoduto desde Portugal a través de España e Francia

Asegura que é unha maneira de deixar de depender do gas ruso

G24.gal 11/08/2022 18:05

O chanceler alemán, Olaf Scholz, pronunciouse hoxe a favor dun gasoduto desde Portugal e a través de España e Francia cara ao resto de Europa para cortar a actual dependencia do gas ruso.

Scholz lamentou que non se construíse aínda, xa que agora se bota en falta "de forma dramática" a "masiva contribución" que estaría a prestar ao abastecemento do norte de Europa.

O chanceler agregou que falou cos seus colegas de España, Francia e Portugal, así como coa presidenta da Comisión Europea para impulsar este proxecto, xa que a existencia de conexións co norte de África axudaría a diversificar a subministración.

Un gasoduto destas características "resolvería de maneira masiva os problemas actuais", engadiu o chanceler.

"Todo goberno, toda empresa, debe ter en conta que as situacións poden cambiar e prepararse para se iso ocorre", afirmou, tras recoñecer que a súa coalición se viu "sorprendida" pola falta de alternativas a unha posible redución das subministracións rusas.

A pesar desa situación, destacou, logrouse "en tempo récord" buscar esas alternativas para garantir a subministración de gas no próximo inverno, aínda que admitiu que ese será "máis caro".

Os depósitos de gas de Alemaña alcanzaron ao redor do 75 % da súa capacidade, nivel que, segundo os obxectivos do Goberno, debía lograrse o 1 de setembro.

O Goberno de Scholz marcou este obxectivo para subir ao 85 % ao 1 de outubro e do 95 % o 1 de novembro, nivel suficiente para garantir a subministración durante todo o inverno.

Esta evolución, con todo, depende de que se manteñan os envíos que recibe a través do gasoduto Nord Stream.

O xigante ruso Gazprom interrompeu totalmente as subministracións a mediados de xullo, co argumento de que debían realizarse tarefas de mantemento. Cando se restableceu o servizo, o volume baixara ao 20 % das súas capacidades, fronte ao 40 % que recibía anteriormente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade