Publicador de contidos
Publicador de contidos

Schröder conduce a Alemaña ao seu primeiro mundial de baloncesto

Schröder conduce a Alemaña ao seu primeiro mundial de baloncesto

O base, que xoga na NBA, anotou 28 puntos contra Serbia (83-77)

Canadá gañoulle a Estados Unidos na loita pola terceira posición

G24.gal 10/09/2023 16:40

Alemaña é o novo campión do mundo de baloncesto. Conseguiron a fazaña eliminando os Estados Unidos nas semifinais e gañándolle a Serbia na final (83-77). Fundamental foi o concurso de Schröder. O base alemán, que xoga na NBA, anotou 28 puntos e foi decisivo nos intres quentes do encontro. 

O primeiro tempo foi moi igualado, cun grande acerto por parte dos dous equipos e co resultado de empate ao descanso (47-47). O terceiro cuarto comezou a decidir o partido para os xermanos, que conseguiron marchar por riba dos dez puntos (69-57). Serbia nunca se deixou ir e entrou nos últimos minutos con opcións (78-75), pero fallou unha tripla para empatar. Schröder asumiu o mando nas posesións finais e acabou anotando as canastras decisivas. 

Canadá leva o bronce

A desfeita de Estados Unidos resultou completa ao perder a loita polo terceiro e cuarto posto con Canadá. A que se agardaba como final anticipada foi un partido de moita anotación e escasas defensas, en que os dous equipos amosaron a súa frustración por perderen nas semifinais. 

O partido decidiuse na prórroga (127-118) despois dun empate agónico no tempo regulamentario (111-111). Anthony Edwards (24 puntos) e Austin Reaves (23) lideraron o equipo estadounidense pero os que encamiñaron o triunfo do Canadá foron Dillon Brooks cuns espectaculares 39 puntos e Gilgeous Alexander, que chegou ata os 31.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar