Publicador de contidos
Publicador de contidos

Segue a arder O Courel, onde periga a Devesa da Rogueira

Segue a arder O Courel, onde periga a Devesa da Rogueira

Os incendios de Folgoso e da Pobra do Brollón arrasaron máis de 11.000 hectáreas

Félix Aragunde 21/07/2022 14:02

Continúan activos os incendios que asolan os concellos de Folgoso do Courel e da Pobra do Brollón, onde o lume xa calcinou máis de 110 quilómetros cadrados.

Os esforzos céntranse en impedir que as lapas cheguen á Devesa da Rogueira, un bosque dunhas 200 hectáreas de gran valor natural que figura entre os mellor conservados de Europa occidental. 

Xabier Trepat, dono do cámping do Courel: "Agora, por fin, estamos empezando a escoitar algúns avións aí, intentando protexer a xoia da coroa de aquí do Courel, que é a Devesa da Rogueira. Levamos coa angustia xa toda unha semana e os incendios seguen sen estar controlados". 

Ademais de supoñer unha catástrofe para o medio ambiente, os incendios tamén implican un colapso para a economía local. Os hostaleiros da zona, de feito, xa dan a campaña por perdida.

Xabier Trepat, dono do cámping do Courel: "A nivel de repercusión económica, eu dou por finalizada a temporada, practicamente. Os turistas non queren vir a un sitio onde está todo queimado".

O que xa é un dos maiores incendios da historia no noso país obrigou a evacuar preto dun milleiro de veciños duns 60 núcleos do Courel. E, en conxunto, estímase que os incendios da última semana supuxeron a morte dun cuarto de millón de animais silvestres e domésticos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade