Seis anos de cárcere por corrupción para Cristina Fernández de Kirchner
Seis anos de cárcere por corrupción para Cristina Fernández de Kirchner
A sentenza, contra a cal recorrerá, inclúe a inhabilitación perpetua para exercer cargos públicos
A vicepresidenta arxentina insiste na súa inocencia e atribúe a condena a unha mafia xudicial paraestatal
Podemos cualifica de "atropelo democrático" a condena a Cristina Fernández
A vicepresidenta de Arxentina Cristina Fernández foi condenada a seis anos de prisión por irregularidades na concesión de obras viarias durante os gobernos kirchneristas de 2003 a 2015. O Tribunal Oral Federal 2 de Bos Aires tamén a condenou a inhabilitación perpetua para exercer cargos públicos.
A expresidenta foi declarada culpable de administración fraudulenta de fondos públicos pero non de asociación ilícita. A Fiscalía pedía para ela 12 anos de cadea.
No proceso xulgábanse irregularidades na concesión de 51 obras públicas a firmas do empresario Lázaro Báez na provincia de Santa Cruz durante os seus gobernos e o do falecido Néstor Kirchner.
"Branco dunha mafia"
Ela insiste en que a condena "xa estaba escrita" e confirma que apelará.
Nunha intervención telemática desde o seu despacho no Senado, que preside como vicepresidenta do país, reiterou que ningunha das acusacións formuladas no xuízo eran certas e presentouse como branco dunha mafia.
"Isto é un Estado paralelo e mafia, mafia xudicial, e a confirmación da existencia dun sistema paraestatal en que se decide sobre a vida, sobre o patrimonio e sobre a liberdade do conxunto dos arxentinos".
Avanzou que non será "candidata a nada" nas eleccións do ano que vén porque non vai someter a forza política que lle deu dúas veces a honra de ser presidenta e unha vicepresidenta "a que a maltraten en período electoral".
"Condenada unha persoa inocente"
O presidente arxentino Alberto Fernández pronunciouse a través da súa conta de Twitter. Nunha serie de chíos en que fala de "persecución absolutamente inxusta" e de "simulacro de xuízo", di que sabe da inocencia de Cristina Fernández.
"Hoxe, na Arxentina, foi condenada unha persoa inocente".
— Alberto Fernández (@alferdez) December 6, 2022
Os partidos da oposición afirman que coa condena "se fixo xustiza".
As autoridades de Bos Aires reforzaron a presenza policial nas rúas en previsión de posibles incidentes ou disturbios.