A Audiencia de Valencia mantén en liberdade provisional a Eduardo Zaplana
A Audiencia de Valencia mantén en liberdade provisional a Eduardo Zaplana
O tribunal "non aprecia risco de fuga" e lembra que ata o de agora non intentou "eludir a acción da xustiza"
O expresidente valenciano foi condenado a 10 anos e 5 meses de prisión por prevaricación, aceptación de suborno, falsidade documental e branqueo de capitais no caso Erial
A Audiencia Provincial de Valencia deixou en liberdade provisional sen fianza o expresident da Generalitat e exministro co PP Eduardo Zaplana, condenado polo caso Erial, ao non apreciar risco de fuga.
Segundo o Tribunal Superior de Xustiza valenciano, non se aprecia ese risco porque Zaplana "non levou ata o de agora ningún acto tendente a eludir a acción da Xustiza, compareceu en todas as sesións do xuízo e respondeu a calquera chamamento xudicial".
O pasado xoves, Zaplana compareceu ante a Sección Cuarta da Audiencia de Valencia tras a petición efectuada pola Fiscalía Anticorrupción, que pedira que ingresase en prisión preventiva tras ser condenado, o pasado 15 de outubro, a 10 anos e 5 meses de prisión por delitos de corrupción política. Ademais, o tribunal impúxolle multas por máis de 25 millóns de euros.
Agora, a Sección Cuarta rexeita a solicitude da Fiscalía porque entende que o risco de fuga é “inexistente”, e imponlle medidas cautelares, como a retirada de pasaporte, a prohibición de saír do territorio nacional e a obriga de comparecer no xulgado o primeiro luns de cada mes.
Nun auto notificado ás partes este luns, os maxistrados argumentan que o penado “goza de arraigamento familiar, social e mesmo médico no territorio nacional que fai difícil pensar en que vaia abandonar” o país.
Ademais, a sala sinala que Zaplana non mostrou ata o de agora “ningún xesto ou signo” que leve a considerar que teña intención de eludir a acción da Xustiza e lembra que o seu patrimonio no estranxeiro e tamén en España “foi xa intervido" e posto á disposición da xustiza.