Sen esperanzas de atopar superviventes en Marrocos
Sen esperanzas de atopar superviventes en Marrocos
Xa van 2.900 falecidos e máis de 5.000 feridos
Catro días despois, Mohamed VI visita os damnificados
A primeira axuda humanitaria chega a Talat N'Yacoub. Foi unha das vilas máis duramente golpeadas polo sismo do pasado venres: os superviventes tiveron que agardar catro días para recibir alimentos, medicinas e mantas.
Das dez provincias afectadas, a de Al-Haouz é a única onde seguen aparecendo cadáveres. Xa van 2.900. Pouco a pouco, os camións do exército vanse abrindo paso cara ás aldeas máis remotas do Alto Atlas. En moitas delas, os propios veciños iniciaron o desentullo cos seus propios medios.
A Cruz Vermella lanzou este martes un chamamento á comunidade internacional. Necesitan 100 millóns de euros para atender as necesidades máis urxentes de alimentos, refuxios e sistemas de saneamento de auga.
Marrocos segue rexeitando moita da axuda internacional que se lle ofrece, como a de Francia, a antiga metrópole, ou a de Alxeria, o seu principal rival rexional. Os equipos españois ou británicos, que si foron benvidos, admiten que as posibilidades de atopar superviventes son case nulas.
O temor agora é que a descomposición dos cadáveres traia consigo enfermidades. Non van axudar as chuvias que se prevén para as vindeiras horas e que van converter en barro o adobe de que estaban feitas estas precarias vivendas.